O Concello de Lugo combaterá co WhatsApp a violencia de xénero nos centros docentes
mércores, 16 de agosto do 2023
O
Executivo
de Lara Méndez porá en marcha este próximo curso escolar un
servizo de asesoría en liña a través do que se prestará
asistencia e apoio en materia de igualdade e violencia de xénero ao
alumnado dos catro cursos de ESO e FP, así como á comunidade
estudantil de 5º e 6º de Educación Primaria. A iniciativa
enmarcase dentro do Programa Socioeducativo de Prevención das
Violencias Machistas ao que poden adscribirse todos os centros
escolares do municipio.
“O
obxectivo desta innovadora medida é detectar diferentes
manifestacións da violencia de xénero, especialmente as máis
invisíbeis e sutís, ofrecendo un punto de asesoramento inmediato e
información en liña a través da aplicación WhatsApp, aproveitando
así a enorme instauración desta canle entre a mocidade”, sinalou
Ana González Abelleira, responsable da área de Cohesión Social.
Segundo
lembrou a edil, o Programa vense realizando, co actual formato, dende
2016. No pasado curso participaron 6 dos 9 institutos da cidade e 11
colexios dun total de 14. “Cremos firmemente que a coeducación é
o mellor instrumento para a promoción dun proceso de transformación
social que cemente as bases dunha sociedade onde a igualdade sexa
real e efectiva. Dende esta base, o programa está deseñado cunha
tripla perspectiva: transversal, multidisciplinar e integradora”,
explicou González Abelleira, que destacou que o contido educativo
adáptanse a cada nivel de idade.
Segundo
fixo saber, a asesoría en liña non é a única novidade introducida
polo Goberno de Lara Méndez para este curso: “A comunidade escolar
contará tamén cunha asesoría presencial que cumpre os mesmos
obxectivos e que diversifica as opcións que a mocidade ten para
acceder á información ou solicitar axuda”, sinalou.
De
forma complementaria, organizaranse xornadas de sensibilización
dirixidas ao profesorado e ás familias do alumnado daqueles centros
que así o soliciten. Ademais, durante os recreos ou titorías,
dependendo das necesidades de cada centro, o Concello instalará
Puntos Violetas Itinerantes para detectar manifestacións sexistas.