O Concello de Santiago de Compostela renova a súa páxina web

venres, 15 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Marta Álvarez-Santullano, concelleira de Reforma Administrativa de Santiago, presentou o novo deseño da web municipal compostelá e os novos servizos que incorpora.
A portada da web incrementa o peso da parte informativa e de servizos e trámites, incluíndo un apartado de descarga directa de impresos, ademais dos xa existentes trámites ou servizos.
Tamén se melloraron a Carpeta Cidadá, o sistema de pagamento en liña e a calculadora de tributos, e agárdase que en breve se engada a posibilidade de realizar trámites a través dun certificado electrónico.
Dende o Concello tamén están a traballar para poder incorporar a posibilidade de solicitar cita previa en calquera dos seus departamentos e a acceder ó estado dos seus expedientes, así como o acceso á información catastral, ó padrón municipal e o estado das facturas electrónicas (para usuarios e empresas que traballen co Concello).
A web tamén permite a posibilidade de crear blogs por parte dos cidadáns na sección Blog Compostelán que polo momento conta con 3 bitácoras.
Para incrementar a accesibilidade ós contidos da web do Concello de Santiago de Compostela tamén estrearon unha versión móbil da mesma baixo o dominio mobilscq.org que permite achegar a información publicada dende móbiles, consolas ou PDA.