O Concello de Vigo celebra en setembro tres obradoiros TIC para a cidadanía

venres, 10 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Vigo presentou hoxe a súa nova oferta de obradoiros de alfabetización dixital para o remate do verán, todos eles co nexo común de iren dirixidos a mostrar as vantaxes das novas tecnoloxías para a formación, para a mellora do currículo, para a comunicación e para o desenvolvemento persoal de cada quen. Trátase dos cursos Informática e Internet básicos, Redes sociais e uso do correo electrónico e Trámites electrónicos coa Administración. As actividades celebraranse o vindeiro mes de setembro na oficina municipal do casco vello e máis na aula de formación da rúa Oporto.
No que atinxe á dita oficina municipal do número 12 da rúa Oliva, o horario das actividades será de 17.30 a 20.00 horas. O curso Informática e Internet básicos desenvolverase os días 10, 11, 12, 13, 14, 17, 18 e 19 de setembro. O curso Redes sociais e uso do correo electrónico levarase a cabo os días 20, 21, 24 e 25 de setembro. O de Trámites electrónicos será nas xornadas do 26, 27 e 28.
Respecto da aula de formación CeMIT, situada no número 1 da rúa Oporto, as actividades celebraranse en horario de 10.00 a 12.00 horas. O curso de informática básica será os días 3, 6, 10, 11, 12, 13, 14, 17, 18, 19 e 20 de setembro. O de trámites coa eAdministración terá lugar no centro de formación os días 24, 25, 26, 27 e 28 de setembro.
Respecto dos requirimentos para podermos participar nestas accións formativas, pídese que esteamos empadroados en Vigo. Terán preferencia aquelas persoas que non tiveran feito o mesmo curso con anterioridade.

PUBLICIDADE