O Concurso Lucus Intercentros retransmitiuse en streaming grazas ao alumnado da Fundación TIC

venres, 19 de xaneiro do 2018 Redacción

Este 19 de xaneiro entregáronse en Lugo os premios da sétima edición do Concurso Lucus Intercentros do IES Muralla Romana. No acto, unha xornada lúdica e formativa organizada polos estudantes de Asistencia á Dirección do dito centro lucense, participou o responsábel de Deportes e Mocidade na Deputación de Lugo, Pablo Rivera. O certame foi retransmitido en directo con tecnoloxía streaming polos estudantes da Fundación TIC (Deputación de Lugo), que editarán un DVD co material gravado co fin de contribuír á difusión da actividade.
A xornada, como dixemos, está organizada polos alumnos de Administración e Xestión do IES Muralla Romana, coa axuda da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS, Fundación TIC), da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e o departamento de Informática do CIFP Politécnico de Lugo.
A sétima edición do certame reuniu a alumnos e profesores dos institutos de Educación Secundaria públicos de Lugo: Anxel Fole, Lucus Augusti, Nosa Señora dos Ollos Grandes, Xoan Montes, Leiras Pulpeiro, San Xillao e Muralla Romana. Ao longo da mañá disputáronse distintas probas eliminatorias ás que se enfrontaron os equipos participantes. Os alumnos sometéronse en cada unha delas a dez preguntas tipo test elaboradas por profesores das distintas áreas do instituto anfitrión.
Retransmisión en streaming
Dez alumnos e alumnas de segundo curso de Realización Audiovisual da Escola da Fundación TIC, baixo a supervisión dun docente, encargáronse da transmisión en streaming. Os estudantes rotaron entre os postos de realizador, mesturador, son e cámara. Estre traballo rotativo tivo o obxectivo de permitir que todas e todos tiveran as mesmas oportunidades de aprendizaxe. A de hoxe foi a primeira experiencia cunha práctica fóra das instalacións da Escola este ano. Segundo informa a Deputación de Lugo, repetirase esta oportunidade no Campionato Internacional de Baristas que se celebra dentro dun mes no Concello de Foz.

PUBLICIDADE