O Congreso Galego de Estatística xunta máis dun cento de investigadores en Ferrol

xoves, 26 de outubro do 2017 Redacción

O Campus de Ferrol acolle desde hoxe e até o sábado a 13 edición do Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, organizado polo departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña a petición da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (SGAPEIO), contándose coa colaboración directa do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Coruña. Segundo nos conta a UDC, o congreso (que se celebra por segunda vez en Ferrol, logo da edición 2001) ten o obxectivo de contribuír á divulgación dos avances na teoría, nas aplicacións e na didáctica da estatística e a investigación de operacións.
Esta mañá o evento foi inaugurado pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, a presidenta de SGAPEIO, Esther López Vizcaíno, e o presidente do comité organizador e vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya.
Ao congreso asisten 110 especialistas de diferentes países; ademais de España, acoden estes días a Ferrol expertos procedentes de Portugal, Ecuador ou República Dominicana.
O programa pode consultase na web específica do evento.
Ao longo destes días, haberá conferencias, mesas redondas, obradoiros e comunicacións, ademais de actividades de carácter cultural coas que, en palabras da organización, “buscarase facer máis atractiva a participación”.
Investigadores do CITIC forman parte tanto do comité organizador como do comité científico do congreso. Ademais, O CITIC é unha das entidades colaboradoras xunto con outras entidades como o Instituto Galego de Estatística, a Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol e Navantia, entre outras.
O comité organizador fixo os días pasados un chamamento a todos aqueles investigadores e profesionais ligados á estatística, á análise da información e á investigación de operacións a participaren nestas xornadas, “amosando as súas experiencias e resultados máis recentes”.

PUBLICIDADE