O Congreso Nacional Internet na Aula remata mañá con resultados moi positivos

venres, 27 de xuño do 2008 Raquel Noya

O secretario de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información, Francisco Ros, e maila secretaria de Estado de Educación e Formación, Eva Almunia, foron os encargados de inaugurar onte mesmo o Congreso Nacional Internet na Aula, que reúne a máis de 5.000 profesores, de xeito simultáneo en Madrid, Barcelona, Granada e Santander, para darlles a coñecer as mellores prácticas educativas na aplicación das TIC no ensino, achegar acceso a novos contidos dixitais e poñelos ao tanto dos últimos avances neste ámbito.
Este congreso, organizado conxuntamente polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a través de Red.es, o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, e o conxunto de tódalas Administracións Educativas autonómicas, ten como principal obxectivo favorecer a sensibilización da comunidade educativa no emprego das TIC, para “facilitar a súa integración dentro e fora da aula” e, en xeral, en tódolos procesos do centro.
Na súa intervención, Francisco Ros, salientou que España “é líder indiscutible a escala europea” no desenvolvemento das TIC no ámbito educativo e lembroulle aos congresistas que este evento “é un punto importante” dentro do esforzo que está a realizar o Goberno para darlle pulo ás novas tecnoloxías nos procesos educativos. Neste senso, Ros destacou que “o 92 por cento dos centros públicos ou concertados do país acceden a Internet por banda larga, moi por enriba da media europea” que, asegurou, “se sitúa no 67 por cento”.
Pola súa parte, Almunia destacou o “esforzo do profesorado” por integrar as TIC no ensino e asegurou que este Congreso lles serve aos asistentes para “compartir experiencias” e “deseñar a nova formación continua do profesorado en materia de novas tecnoloxías”.
Outros asistentes destacados neste congreso, que remata mañá sábado, foron o co-fundador de Apple, Stephen Wozniak e o filósofo e escritor José Antonio Marina, quen fixo fincapé na importancia das TIC nos diferentes ámbitos da sociedade e, “en especial”, no educativo, como motor de cambio para potenciar e crear espazos de colaboración e aprendizaxe colectivo.
A clausura deste Congreso celebrarase ás 12 horas e poderá seguirse en directo a través da web do Ministerio de Industria no apartado Novidades.

Software libre na educación
Un dos colaboradores que máis destacou neste evento foi a Fundación Cenatic, que aportou distintas distribucións de software libre existentes en España e instalou varios stands de promoción do software de fontes abertas en tres das sedes do Congreso, sendo as súas instalacións as que máis interese espertaron entre os docentes. Nelas os profesores puideron comprobar de primeira man as diferentes distribucións autonómicas como Linkat de Cataluña, Molinux de Castela- A Mancha ou Max de Madrid.

Máis de 700 experiencias presentadas no Congreso Virtual
Ademais do congreso presencial, os organizadores están a levar a cabo, dende o pasado día 1 de abril, o Congreso Virtual Internet na Aula, que ofrece aos docentes a posibilidade de expoñer e compartir as súas experiencias á vez que se forman e aprenden entre todos. Este evento remata o vindeiro 30 de outubro e ata o de agora xa rexistrou máis de 10.000 profesores participantes, máis de 127.000 visitas á web e máis de 700 experiencias presentadas polos propios profesores.