O Congreso desestima a proposta de crear un Premio nacional do Blog

xoves, 26 de marzo do 2009 Raquel Noya

A Comisión de Cultura do Congreso, que o pasado 26 de decembro de 2008 recibiu unha Proposición non de Lei, por parte do Partido Popular, para que o Goberno establecera un Premio Nacional do Blog, vén de desestimar a iniciativa do partido argumentando que “antes habería que estudar se esa forma de expresión dixital é un novo xénero cultural”.
A Proposición non de Ley do PP, que tiña como finalidade recoñecer a importancia de Internet “como un novo espazo de creación”, foi defendida polo seu portavoz na Comisión, José María Lasalle, quen xustificaba o novo premio na “enorme magnitude e relevancia que está a ter Internet para a creación cultural”; un proceso que, segundo afirma, “medrou exponencialmente grazas ás ferramentas que ofrece o que se coñece como Web 2.0”.
Luis Tomás García, do PSOE rexeitou a proposta do seu rival máis directo afirmando que, pese a ser unha iniciativa “ocorrente”, “navega en pura indefinición”.
Nembargantes, o portavoz socialista anunciou a vontade do seu grupo de presentar unha iniciativa parlamentaria sobre a creación dun premio que incentive os sitios web e cuxa finalidade sexa o fomento da cultura na Rede.
Na actualidade, o meirande recoñecemento que pode obter un blogueiro son os premios BOBs ((The Best of the Blogs), organizados por Deutsche Welle, que este ano galardoaron á cubana Yoani Sánchez.

PUBLICIDADE