O Congreso esLibre desembarca en Vigo o día 24 de xuño, da man de GALpon e AGASOL

martes, 12 de abril do 2022 S. P.

A tempada de primavera promete pasar á historia en materia de acontecementos tecnolóxicos: os que configuran, en Galicia, a agardada axenda postpandémica. Entre os eventos TIC máis destacados figura o Congreso esLibre, que celebrará a súa edición de 2022 na nosa terra os días 24 e 25 de xuño. Será na cidade de Vigo, concretamente no Museo Marco e no espazo de eventos Muta. Trátase dun dos eventos tecnololóxicos e sobre cultura libre de maior relevancia estatal e internacional.
As entidades anfitrionas e que colaboran na organización co equipo de coordinación a nivel estatal son o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL). O evento desenvolverase en formato presencial, pero tamén estará dispoñÍbel en liña para as persoas que non poidan asistir a Vigo nesas datas.

Temáticas do congreso

Segundo informan GALpon e AGASOL, esLibre é “un encontro de persoas interesadas nas tecnoloxías libres e a cultura libre”, enfocado en compartir coñecemento e experiencias neste eido. A programación ceibe de licenzas privativas será a temática central do evento, a abordar tanto a través de actividades técnicas como doutras cun nivel máis divulgativo. O congreso abranguerá unha chea de temáticas: comentarios sobre licenzas de publicación, aplicacións e desenvolvemento de diversas tecnoloxías, a exploración e divulgación da arte libre ou aspetos relacionados directamente con obras (software, hardware, cultura, etc.) que se distribúan con licenzas libres.

Propostas coas que participar

A organización fai saber que haaberá varios tipos de actividades que se poden propoñer para participar no congreso. Unha delas son os relatorios, que poderán durar entre 10 e 30 minutos. Amais, poderanse realizar obradoiros a xeito de exposicións prácticas ou demostracións guiadas ou, tamén, con formato de sesións de iniciación a unha tecnoloxía en concreto coa que será posíbel experimentar a fondo.
Ademais, as persoas interesadas teñen a posibilidade de propoñer o programa das salas (devroom), organizadas por unha comunidade específica e centradas nun tema concreto (software libre na universidade, divulgación da cultura libre, privacidade e dereitos dixitais, etc.). Outras opcións coas que é posíbel participar son os artigos, pósters, taboleiro de proxectos ou formatos alternativos achegados polas persoas que queiran participar. O envío de propostas está aberto a todo o mundo, que quedarán rexistradas no repositorio de propostas. Calquera dúbida ou contribución pode facerse a través do correo propuestas@eslib.re.

Datas relevantes

Data límite para o envío de propostas: 17 de abril.
Publicación do programa coas propostas aceptadas: 24 de abril.
Data límite para o envío do programa das salas aceptadas: 22 de maio.
A hora límite de todas as datas son ás 23:59 h en Madrid (CET).

Axudas económicas para determinados colectivos

Entre as novidades desta edición, esLibre axuda no financiamento dos gastos de viaxe dalgúns colectivos de persoas que queiran participar. Entre os potencialmente beneficiarios están os colectivos de xénero (mulleres, persoas trans e minorías de xénero infrarrepresentadas en esLibre); as persoas con discapacidade, persoas neurodiverxentes e/ou neurodiversas e persoas con enfermidades. O obxectivo fundamental desta estratexia é “crear un espazo seguro no que debater sobre o software libre, destacando realidades diversas e a súa relación coa tecnoloxía”, segundo informan as entidades organizadoras, que engaden que haberá unha axuda xeral para persoas que, pola súa situación económica, teñan problemas para cubrir os gastos de desprazamento e aloxamento durante o evento (estudantes, persoas xubiladas, desempregadas ou con emprego precario). Sumado a isto, como parte de conseguir “unhas xornadas máis accesíbeis e inclusivas” e tirar abaixo todo tipo de barreiras de participación, facilitarase a presenza activa de persoas que teñan responsabilidades de coidados.

PUBLICIDADE