O Consello da Cultura Galega aborda o impacto da desinformación con Víctor Sampedro

mércores, 25 de marzo do 2026 S. P.

Víctor Sampedro Blanco (Viveiro, 1965) é o protagonista da nova sesión do ciclo Pensarmos, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) este xoves 25 de marzo (na sede da institución, ás 18:00 horas). Baixo o título O poder da mentira: como combater a pseudocracia, ofrecerá unha intervención en diálogo co xornalista e especialista en comunicación política Marcos S. Pérez Pena. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e poderá seguirse en directo desde a web institucional e a súa canle de YouTube.
Celia Pereira, coordinadora da Sección de Pensamento e tamén da sesión, subliña que esta actividade “busca reflexionar sobre a calidade da información que recibimos acotío”, lembrando que nos sistemas democráticos como o noso “o voto é unha toma de decisión que se realiza en función da información da que se dispón ou da que se carece”. Seguindo este fío, apunta á necesidade de analizar o ecosistema informativo actual máis alá dos medios tradicionais, incorporando tamén o papel das redes sociais.
Engade Pereira que “non toda a información que se difunde se corresponde co que está pasando, coas consecuencias que iso provoca”, e pon como exemplo conflitos recentes nos que, malia a dispoñibilidade de información case en directo, non se producen reaccións sociais comparables ás de hai dúas décadas. Para a coordinadora, isto leva a preguntarse “en que medida a información está influída pola conformación da opinión pública e ata que punto se constrúe sen criterios de veracidade”.
Para reflexionar sobre este asunto, esta sesión conta co catedrático e especialista Víctor Sampedro, que leva décadas analizando a relación entre comunicación, poder e democracia. Investigador especializado en propaganda, desinformación e opinión pública, na súa obra explica como os relatos mediáticos e políticos condicionan a percepción cidadá. Nas súas investigacións, a mentira non aparece como un feito illado, senón como parte de sistemas complexos nos que interveñen gobernos, medios e intereses económicos.
Un dos eixos centrais do seu pensamento é que a desinformación funciona porque se integra en marcos narrativos previos que resultan verosímiles, o que, avanza Sampedro, “permítelle moldear percepcións colectivas e consolidar consensos artificiais”. Así mesmo, alerta de que “a proliferación de falsidades erosiona a confianza pública, dificulta distinguir entre verdade e mentira e contribúe á debilitación dos mecanismos democráticos”.
Fronte a este escenario, Sampedro defende a necesidade de reforzar a alfabetización mediática e promover unha cidadanía crítica. Combater o poder das mentiras, sinala, non pasa só pola verificación de datos, senón por comprender quen produce a información, con que intereses e mediante que estratexias narrativas.