O Consistorio de Ames acollerá unha xuntanza informativa sobre ecommerce e banca electrónica

venres, 28 de outubro do 2022 S. P.

A Unión de Consumidores de Galicia vai impartir a vindeira semana en Bertamiráns (Ames), o mércores, 2 de novembro ás 20.00 horas, unha charla sobre comercio electrónico, banca electrónica e as súas garantías. A sesión desenvolverase no salón de plenos do Consistorio. Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).
O contido da devandita xornada desenvólvese arredor das compras por Internet en Galicia; o proceso de compra online e maila simulación de compra en diferentes plataformas. Ademais, tocaranse temas como a persoa consumidora e os seus dereitos no comercio electrónico; e a compra entre particulares: Vibbo, Wallapop, Ebay, Milanuncios.
Outros temas que se abordarán serán as obrigas e dereitos; recoñecer as prácticas fraudulentas nas compras online; como e onde presentar unha reclamación; e a importancia dos nosos datos e da privacidade dixital.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “as charlas que imparten os técnicos e técnicas da Unión de Consumidores de Galicia son sobre temas de interese e actualidade. Neste caso farase unha xuntanza informativa sobre comercio electrónico, banca electrónica e as súas garantías, temas que serán de grande axudas para a veciñanza amesá que realiza compras a través da rede”.
Como dixemos, esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). A este respecto e poñendo o foco nos beneficios desta colaboración para a cidadanía, dende o Consistorio lembran que a cidadanía que o precise pode achegar consultas á dita entidade de consumidores solicitando cita previa para dispor dos servizos que ofrece a UCGAL tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. O persoal técnico da entidade atende ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@consumidores.gal.

PUBLICIDADE