O Consorcio Audiovisual de Galicia abre a convocatoria para o curso Introdución á Industria dos Videoxogos

venres, 23 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Por diante do cine, da música ou mesmo das películas de vídeo, o consumo de videoxogos supón o 35 por cento do total do gasto en lecer audiovisual. O espectacular crecemento deste mercado nos últimos anos vén de animar ós profesionais do sector a abordar novos proxectos nesta industria. Na liña de favorecerlles o camiño e de apoiar o desenvolvemento deste mercado na nosa terra, o Consorcio Audiovisual de Galicia vén de abrir hoxe venres 23 a convocatoria para o curso de Introdución á Industria dos Videoxogos, que terá lugar en Santiago de Compostela do 12 ó 16 de marzo.
O obradoiro vai dirixido a profesionais e estudantes que desexen afondar nos seus coñecementos neste eido e conta cun programa no que se combina a teoría e a práctica.
Temas como a historia dos videoxogos, plataformas, xéneros, desenvolvemento, licenzas, áreas de produción ou financiamento serán tratados a fondo por Juan Tamargo e Daniel González Jiménez, senlleiros profesionais da industria dos videoxogos.
O Centro Multimedia de Galicia tamén colabora neste proxecto de formación cedendo a súa Sala Audiovisual (Rúa do Hórreo, 61) para levar a cabo as actividades previstas.
Este curso forma parte do Plan de formación do Consorcio para o ano 2007 no que tamén se inscriben as actividades do 23 e o 24 de febreiro: unhas Xornadas de Pitching, en colaboración co CICA (Curso de Posgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais) da Universidade da Coruña e outras accións formativas tales como cursos de voz, obradoiros de curtametraxes ou cursos de edición de audio.

PUBLICIDADE