O DVD de Shin Chan sae ó mercado falando galego
martes, 22 de abril do 2008
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de contribuír á dobraxe á nosa lingua das novas aventuras do popular Shin Chan, que sairán en DVD a partires de mañá mércores 23 de abril.
Ademais de en galego, Shin Chan e a costeleta imposible (que é como se coñece o último éxito da saga) lanzarase ó mercado en castelán, catalán e éuscaro, así como na versión orixinal xaponesa, e porase á venda nas principais superficies comerciais de Galicia e do resto do Estado.
Esta última edición das aventuras do cativo máis traste da televisión consta de dous discos de 92 minutos de duración e inclúe, como extra, unha curtametraxe inédita coas aventuras do Porquiño Valente, O castelo monstruoso.
Asemade, Política Lingüística vén de anunciar que o vindeiro día 5 de maio sairá á venda outra película de animación coa banda sonora en galego, Doraemon Animal Planet; o organismo asegura “estar a desenvolver xestións coas principais distribuidoras para o lanzamento en lingua galega da totalidade dos títulos que se presenten este ano en DVD destas populares personaxes”.
O que aínda non sabemos é se Son Goku sairá finalmente falando en galego ó mercado, tal e como vén reclamando a Mocidade pola Normalización Lingüística dende que a distribuidora Selecta Visión lle anunciara o lanzamento do DVD da saga tan só en catalán, castelán e xaponés.
