O dicionario e-Estraviz xa vai alén das 125.000 entradas

mércores, 23 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O dicionario e-Estraviz segue en medrar en feitura, en repercusión e máis en fondo documental. Segundo se conta dende o Portal Galego da Língua, o servizo web deixou atrás a liña das 125.000 entradas, o que unido ás importantes melloras gráficas das que vén de ser obxecto o espazo dixital, supoñen a confirmación dun crecemento imparable. Entre outros aspectos específicos, as novas incorporacións deixan a cifra de xentilicios galegos incorporados ao dicionario en máis de 1.000, tanto da lusofonía como do resto do mundo.
Asemade, sinala o Portal da Língua, cómpre salientar entre os apoios recibidos polo e-Estraviz a contribución de José António Meixueiro, quen fixo posible unha boa parte dos recentes logros completando unha chea de entradas ou inserindo unha cifra máis que importante de novas palabras ata chegar ás máis de 125.000 coas que se conta neste intre.
Por certo que o capítulo de melloras documentais, gráficas e de emprego non vai rematar nestas achegas xa que en breve está previsto (entre outras cousas) a inclusión de xogos de diversa índole e a posta en marcha dun conxugador verbal. Cómpre lembrar que recentemente o e-Estraviz foi obxecto dunha serie de traballos para mellorar a interface gráfica (máis visual) que significou, entre outras cousas, un reordenamento dos servizos principais que se poñen a disposición dos internautas, de xeito libre e a disposición de todas as preferencias normativas.