O E3 2021 xa ten data

luns, 6 de abril do 2020 Marcus Fernández

A pandemia levou á cancelación de feiras de videoxogos como o E3 de Los Ángeles, e aínda que algúns eventos busquen a súa reprogramación para a segunda metade do ano, dende a Entertainment Software Association (ESA) quixeron ser máis prudentes e directamente optan por fixar o foco no ano que vén anunciando que o vindeiro E3 celebrarase entre os días 15 e 17 de xuño de 2021.
A organización asegura que o E3 2021 será un evento reimaxinado, promesa que veñen realizando nos últimos anos e que non termina de cumprirse, e que resulta inevitable ante a perda progresiva de relevancia das feiras presenciais, xa que as compañías de videoxogos non precisan deste tipo de encontros para realizar os seus anuncios e, de feito, resúltalles pouco efectivo ter que loitar pola atención con moitas outras empresas do sector cando montar presentacións independentes a través da Internet cada vez dá mellor resultado.

Summer of Gaming

O baleiro deixado polo E3 2020 vai aproveitarse polo medio especializado IGN, que está a organizar un evento dixital chamado Summer of Gaming baixo o que enmarcarán unha serie de entrevistas en exclusiva, avances e demostracións dos xogos que que verán a luz nos vindeiros meses e da nova xeración de consolas. Este novo evento virtual celebrarse no mes de xuño e ten confirmada a participación de moitas das grandes compañías do sector, que probablemente limítense a realizar algunhas das actividades que xa tiñan previstas para o E3, pero en vez de difundilas pola súa conta, aproveiten o paraugas dun evento en liña que pode atraer as miradas de moitos xogadores de todo o mundo.

PUBLICIDADE