O E3 achegou interesantes trailers de distintos videoxogos

mércores, 16 de xullo do 2008 Marcus Fernández

A feira E3 de Los Angeles achegou moitas novidades, entre as que nos gustaría destacar algúns adiantos de xogos moi agardados. Así, os amantes da saga de Street Fighter poden ver cómo será o xogo Street Fighter IV en acción:


Os seguidores de Kratos, pola súa banda, téñense que conformar cun vídeo de presentación de God of War III, xogo do que non se veu practicamente nada, e que finalmente non sairá en 2008, polo que parece que haberá que agardar ao E3 de 2009 para ver á Pantasma de Esparta loitar contra seres mitolóxicos na vindeira entrega do que hai quen considera que foi a mellor saga para PS2:


O xogo LEGO Batman non promete ser marabilloso, pero de seguro que achegará diversión para os seguidores tanto do Cabaleiro Escuro coma dos xogos baseados en figuras de LEGO (que tamén parodiaron a Indiana Jones e ás películas de Star Wars). Mentres non chega, podemos ver o seu trailer:

E os fanáticos da saga cinematográfica de George Lucas puideron ver como as súa impaciencia medraba, pois deixaron ver imaxes de loitas de espadas de luz no xogo baseado na nova película das Guerras Clon:


Pero a cousa non quedou aí, senón que tamén confirmaron que The Force Uleashed terá versión para o iPhone, no que será un título que garantirá máis de 2 horas de diversión e sairá en setembro coma o resto de entregas deste título. A versión para o iPhone fará tanto uso da pantalla táctil coma do acelerómetro (pois se poderá mudar de uso en vertical ou en horizontal) creando un xogo que pouco terá que ver coas versións para outras plataformas: