O Foro Avanza Virtual da UDC axudará ao alumnado a preparar o seu chimpo ás empresas

venres, 30 de outubro do 2020 S. P.

A UDC, a través da Vicerreitoría de Estudantes, vai organizar en novembro encontros en liña para optimizar a empregabilidade do alumnado. Trátase do Foro Avanza, edición virtual, que se celebra os días 10, 11 e 12 de novembro. A vicerreitora María José Lombardía inaugurará as actividades o primeiro día, ás 10.00 horas, para dar paso ás intervencións que explicarán ao alumnado opcións e destrezas para mellorar a súa empregabilidade.
O foro abrangue distintas accións desenvolvidas polo persoal técnico das empresas, profesionais recoñecidos do emprego público e privado, especialistas nas distintas temáticas. Porase o foco en programas para o emprendemento da mocidade universitaria; na saída laboral do emprego público; en como preparar unha entrevista de éxito; en como crear un bo currículo; nas oportunidades de emprego, prácticas e voluntariado en Europa; en como usar a rede social LinkedIn; ou tamén, en potenciar a marca persoal, entre outros contidos.
As actividades organizadas inclúen presentación de empresas como PwC, Garrigues, Applus+, Indra, etc. que ademais de atender ás dúbidas do alumnado recollerán curriculos. O alumnado deberá inscribirse antes do 9 de novembro vía online.

PUBLICIDADE