O GTA IV liderou as vendas de videoxogos no mes de maio

venres, 13 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Resultados publicados por aDeSe relativos ás vendas de videoxogos en maio

As vendas de videoxogos no mes de marzo foron bastante predicibles, tanto en España coma en EE.UU., de xeito que nos primeiros postos das listaxes de vendas quedaron moi ben situados os últimos éxitos da Nintendo Wii, mentres que o Grand Theft Auto IV lidera as vendas (aínda que curiosamente a versión máis vendida en España é a de PS3 e nos EE.UU. está mellor colocada a de Xbox 360).
O GTA IV está nas posicións 1 e 4 dos dous mercados comentados, mentres que Wii Fit, Mario Kart Wii e Wii Play se reparten o resto de postos. Así tempos que o Top 5 sería bastante semellante, pero os seguintes éxitos cambian bastante, pois o 6º xogo máis vendido en maio en España foi o Pro Evolution Soccer 2008 para PSP, que en EE.UU. é practicamente invisible, mentres que no mercado norteamericano tamén sorprende na 7ª posición Iron Man para PlayStation 2 (o que confirmaría que a vella consola de Sony non está presente nas listaxes de vendas simplemente porque carece de estreas, xa que os desenvolvedores están a apostar pola nova xeración de consolas).
O resto de títulos do Top 10 se reparten entre títulos de Wii e DS nos dous países, o que confirma que Nintendo está a arrasar pese a que as súas consolas domésticas e portátiles son sen dúbida as de menores prestacións técnicas.
No mercado norteamericano tamén se pode destacar o feito de que Guitar Hero III para Wii foi capaz de acadar a 8ª posición en vendas, sumando xa 2,5 millóns de copias (en distintas plataformas) mentres que o Rock Band (que aínda non se vende en España, pese a que xa desembarcou en Europa) só suma 1,3 millóns.
Non sorprende que os resultados das vendas de videoxogos no Xapón sexan moi distintas, principalmente porque moitos dos títulos que saen alí non chegan a exportarse e o calendario de lanzamentos é moi diferente (normalmente os xogos se adiantan alí) e así o xogo máis vendido polo momento é Dragon Ball Z: Burst Limit para PS3 (que non chegou a España ata primeiros de xuño), seguido por Fushigi no Dungeon para Wii, Jikkyou Powerful Pro Baseball Portable 3 para PSP, Mario Kart Wii, DS Yamamura Misa Suspense, Monster Hunter Portable 2nd G para PSP, Wii Fit, Ninja Gaiden II para Xbox 360, Family Trainer: Athletic World para Wii e DS Bimoji Training. Esta listaxe resulta especialmente destacable polo feito de que conte con 2 títulos para PSP (consola que ultimamente tiña moi malos resultados) e un xogo para Xbox 360 (que tivo unha mala acollida no Xapón, en boa medida por tratarse dunha consola norteamericana).

PUBLICIDADE