O Game Pass inclúe este mes o novo Call of Duty

martes, 4 de novembro do 2025 Redacción

Xbox Game Pass reforza o seu catálogo este mes con títulos moi agardados, entre eles o novo Call of Duty: Black Ops 7, que chegará o 14 de novembro dispoñible dende o primeiro día para xogar en nube, consola e PC. Desenvólveno Treyarch e Raven Software e promete ser o Black Ops máis ambicioso ata o momento, cunha campaña cooperativa, 16 mapas multixogador 6x6, dous 20x20 e unha nova entrega do modo zombis ambientada no universo escuro do Dark Aether.
Antes, o 5 de novembro, desembarcan dous lanzamentos destacados. Dead Static Drive mestura terror, supervivencia e estética dos anos oitenta nunha viaxe pesadelo por unha América chea de horrores lovecraftianos. Ese mesmo día tamén se incorpora Sniper Elite: Resistance, centrado nunha guerra secreta na Francia ocupada, con opción de xogar toda a campaña en modo cooperativo.
O 6 de novembro será a quenda de dúas propostas ben distintas: Egging On, un título de plataformas protagonizado por un ovo que tenta escapar da granxa superando obstáculos, e Whiskerwood, un xogo de construción e xestión no que os xogadores deben crear unha comunidade de ratiños baixo o dominio dos seus señores felinos.
O día 7 chega Voidtrain, unha aventura interdimensional na que os xogadores deben explorar mundos estraños a bordo dun tren que se move polo baleiro, loitar contra criaturas misteriosas e ampliar o seu comboio.
O 11 de novembro será especialmente prolífico con catro incorporacións: Great God Grove, unha caótica aventura de deuses e puzles; Lara Croft and the Temple of Osiris, continuación cooperativa do clásico Guardian of Light; Pigeon Simulator, que transforma aos xogadores en pombas encargadas de combater ameazas paranormais en New Squawk City; e Relic Hunters Legend, un trepidante looter shooter cooperativo que combina acción, rol e exploración galáctica.
Finalmente, o 12 de novembro pechará o calendario Winter Burrow, unha proposta cálida e invernal que convida a encarnar un ratiño que regresa ao seu fogar de infancia para reconstruílo, facer amizades, confeccionar roupa e sobrevivir ao inverno.