O Game Pass inicia febreiro con forza

martes, 3 de febreiro do 2026 Redacción

Xbox Game Pass reforza o seu catálogo de febreiro cunha ampla remesa de novidades que inclúe estreas destacadas dende o primeiro día, grandes producións deportivas e títulos de acción, rol e aventura para públicos moi diversos. Entre os nomes máis salientables figuran High On Life 2, Madden NFL 26 e Avatar: Frontiers of Pandora, xunto con outras incorporacións que chegan progresivamente ao longo do mes.
Dende hoxe mesmo xa están dispoñibles dous xogos clásicos e contemporáneos. Final Fantasy II incorpórase ao servizo en nube, Xbox Series X|S e PC, ofrecendo unha historia épica marcada pola guerra entre o Imperio Palameciano e as forzas rebeldes. Tamén chega Like A Dragon: Pirate Yakuza in Hawaii, unha nova entrega da coñecida saga na que Goro Majima, sen memoria, se reinventa como capitán pirata nunha aventura moderna chea de acción tanto en terra como no mar.
O 5 de febreiro será unha data especialmente cargada. Ese día desembarca Madden NFL 26, dispoñible para nube, consola e PC, cunha actualización profunda das modalidades Franchise, Superstar e Ultimate Team. Xunto a el chega Paw Patrol Rescue Wheels: Campeones, unha proposta orientada ao público máis novo, centrada en carreiras de monster trucks con personaxes coñecidos da serie animada.
O catálogo seguirá medrando o 10 de febreiro coa chegada de Relooted, un xogo de atracos ambientado nun futuro africano que propón recuperar artefactos históricos en museos occidentais mediante planificación estratéxica e acción cooperativa. Dous días máis tarde, o 12 de febreiro, engádense varios títulos: BlazBlue Entropy Effect X, un roguelite de acción en dúas dimensións; Roadside Research, en fase de acceso anticipado, que mestura humor e cooperación nunha gasolineira xestionada por alieníxenas; e Starsand Island, unha experiencia relaxante centrada na vida rural, a exploración e o contacto coa natureza.
Un dos pratos fortes do mes chega o 13 de febreiro con High On Life 2, dispoñible desde o primeiro día para os subscritores. A secuela aposta de novo polo humor irreverente e pola acción en primeira persoa, cunha trama de conspiración intergaláctica e armas faladoras que acompañan ao xogador na súa viaxe por distintos planetas. Ese mesmo día incorpórase tamén Kingdom Come: Deliverance, un xogo de rol de mundo aberto ambientado na Europa medieval, coñecido polo seu realismo histórico e pola énfase nas decisións narrativas.
O 17 de febreiro será a quenda de Avatar: Frontiers of Pandora, unha aventura de acción en primeira persoa ambientada na Fronteira Occidental de Pandora, que permite explorar unha rexión inédita do universo Avatar e que incorpora unha actualización con opción de vista en terceira persoa. Na mesma data chega Avowed, o novo xogo de rol de acción ambientado no mundo de Eora, creado polo equipo de Obsidian, que pasa a estar dispoñible para os usuarios de Game Pass Premium.