O Game Pass inicia forte o mes de outubro
martes, 1 de outubro do 2024
O mes de outubro será bastante interesante para os subscritores de Game Pass, pois xa o día 2 recibirán os xogos de consola MLB The Show 24 e Open Roads, acompañados por un dos xogos máis destacables de 2022, Sifu, dispoñible para xogar en consola, PC e na nube.
Lembremos que Sifu é un xogo de loita en terceira persoa cunha estética moi cinematográfica e cunha mecánica moi peculiar: o protagonista non só ten que aproveitar todos os elementos do contorno para superar os seus inimigos, senón que tamén conta cun amuleto que lle permite volver á vida, aínda que envellecendo tras cada morte, polo que hai que ter moita pericia para completar a historia de vinganza antes de que se esgote a vitalidade do no personaxe.
Volvendo ao Game Pass, o 7 de outubro os subscritores recibirán o xogo Mad Streets para consola, PC e nube, que queda totalmente eclipsado polo grande título que chega o 10 de outubro, tamén para consola, PC e nube: Inscryption. Trátase dun xogo de naipes, con toques de roguelike e de quebracabezas tipo escape room, aderezado con terror psicolóxico, dando lugar a un dos xogos independentes máis galardoados do seu ano (2021).
Só Sifu e Inscryption xa compensarían a subscrición mensual ao Game Pass, pero estamos unicamente ante os títulos que chegarán na primeira metade de outubro, polo que non sería ningunha sorpresa que o mes se complete con outros xogos igual de atractivos.