O Game Pass recibe unha importante vaga de xogos

martes, 18 de novembro do 2025 Redacción

Xbox Game Pass pon rumbo ao peche de novembro con incorporacións ao seu catálogo como a chegada de Fortnite Crew para subscritores Ultimate e o desembarco de The Crew Motorfest, ademais doutras propostas que combinan acción, narrativa, exploración e humor. Microsoft destaca que esta remesa busca ofrecer variedade tanto para quen prefire aventuras en solitario como para quen opta por experiencias cooperativas ou acción directa.
Fortnite Crew está dispoñible desde hoxe para quen teña Xbox Game Pass Ultimate e inclúe acceso ao Pase de Batalla actual, ao OG Pass, ao LEGO Pass e ao Music Pass, así como mil paVos mensuais. A subscrición suma unha vantaxe adicional: Rocket Pass Premium en Rocket League, coa pista premium da tempada en curso e das seguintes mentres o usuario siga subscrito.
Entre as novidades máis destacadas está a chegada, o 19 de novembro, de Moonlighter 2: The Endless Vault en versión de vista previa para PC con Game Pass Ultimate e PC Game Pass. Este RPG de acción con elementos roguelike convida a compaxinar a vida de aventureiro e comerciante, explorando dimensións cheas de botín e inimigos mentres se fai medrar a tenda e se experimenta con armas e trebellos.
Ese mesmo día incorpórase Kulebra and the Souls of Limbo na nube, consola e PC, unha aventura con estética de papiroflexia ambientada en Limbo, onde as almas atrapadas polos seus remorsos quedan presas nun bucle temporal. Tamén o 19 chega Revenge of the Savage Planet, situado nun futuro marcado pola cobiza empresarial no que o protagonista debe sobrevivir no confín do espazo, reunir melloras e descubrir misterios para vingarse da compañía que o abandonou.
O 20 de novembro estréase Monsters are Coming! Rock & Road para dispositivos portátiles e PC, un título roguelite sobre rodas no que cómpre defender unha cidade sempre en movemento das hordas de criaturas que avanzan sen descanso. Ese mesmo día desembarca The Crew Motorfest na nube, consola e PC, que traslada o festival da cultura automobilística ás paisaxes de Hawai e ofrece máis de setecentos vehículos entre coches, motos, barcos e avións, ademais das actualizacións gratuítas do seu terceiro ano, que engaden novas illas, opcións de personalización, un creador de carreiras, NASCAR e máis contidos.
O 25 de novembro incorpórase Banishers: Ghosts of New Eden, unha nova proposta narrativa de acción creada por Don’t Nod, que afonda en temas como a vida, a morte, o amor e o sacrificio. Ese mesmo día chega Kill It With Fire! 2, que permite combater arañas a través do espazo-tempo en campaña individual ou cooperativa, ou mesmo encarnar unha delas no modo competitivo Spider Hunt.
O 1 de decembro é a quenda de Marvel Cosmic Invasion, dispoñible día un na nube, consola, dispositivos portátiles e PC, unha proposta beat ’em up na que se pode escoller entre quince heroes de Marvel para deter a devastadora Annihilation Wave en escenarios que van desde Nova York ata a Zona Negativa. Para pechar, o 2 de decembro chega Lost Records: Bloom & Rage, unha aventura narrativa dos creadores de Life is Strange, que invita a rememorar un verán de 1995 e a afrontar, case tres décadas despois, os segredos que fixeron que un grupo de amigos prometese non volver falar do sucedido aquel ano.