O Goberno agradece á Delegación de Defensa en Galicia o seu apoio firme á materialización das Cidade das TIC

venres, 19 de novembro do 2021 S. P.

Este 18 de novembro celebrouse na Coruña o 25 aniversario da Delegación de Defensa en Galicia. No acto participaron o coronel Antonio Bernal, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, que puxo en valor o papel desta entidade “no desenvolvemento dalgúns dos principais proxectos estatais na provincia coruñesa”.
Rivas reiterou o seu agradecemento ás Forzas Armadas polo seu labor e traballo durante a crise sanitaria, na que “se converteron nun dos elementos de referencia para a sociedade coruñesa”. Tamén fixo referencia a iniciativas como a adxudicación a Navantia Ferrol da construción do cinco fragatas F-110 ou “á eficaz intervención da Delegación de Defensa na materialización da Cidade das TIC da Coruña”, destacando a xestión realizada para a cesión dos terreos (ocupados polos inmóbeis da antiga Fábrica de Armas) á Universidade da Coruña para o desenvolvemento deste proxecto centrado nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, ao servizo dos nosos grupos de investigación e, tamén, das nosas empresas e emprendementos.
María Rivas sinalou respecto diso que “a Cidade do TIC é unha realidade grazas á vontade e interese do Ministerio de Defensa, que desta maneira contribuirá de forma decisiva a un dos proxectos tecnolóxicos de maior calado de Galicia”. Tamén quixo destacar o continuo traballo de achegamento da institución militar á cidadanía e sociedade coruñesa e galega en xeral, nun proceso que non dubidou terá continuidade durante os próximos anos.

PUBLICIDADE