O Goberno asegura que antes do outono de 2007 fará sitio ó ñ nos dominios .es

luns, 23 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Antes do outono de 2007, Cariño, A Coruña ou Caamaño poderían ter enderezos en Internet en dominios .es e sen necesidade de recorrer á n como medida provisional ou permanente. Isto (entre outras cousas) é o que se desprende das declaracións feitas onte domingo en Valencia pola vicepresidenta do Goberno, María Teresa de la Vela, quen estivo na cidade levantina para clausurar o primeiro Congreso Internacional de Novo Xornalismo.
A xuízo da vicepresidenta, non só a letra ñ poderá aparecer nos dominios .es senón tamén a ç, ou até algo de uso común na escritura como son os tiles (tódolos caracteres oficinais do castelán, a fin de contas). Estas medidas, que posibilitarían a existencia de enderezos como www.españa.es, forma parte dun paquete de iniciativas encamiñadas a afondar na presenza do español na Rede, como a do abaratamento dos ditos dominios. Sexa como sexa, se cadra esta defensa do ñ en Internet por parte do Goberno español chega un pouco tarde, sobre todo se temos en conta que en Chile se leva facendo o mesmo dende hai meses, aceptando os devanditos caracteres oficiais nos dominios á espera de que os navegadores de Internet se vaian adaptando a tódalas letras.
Con este fin, empregouse de xeito exemplar (e tamén simbólico) o nome dun animal de aquelas terras para dar a entender a necesidade deste tipo de dominios: o ñandú. Para os chilenos, estar obrigados a rexistrar dominios como nandu.cl resultaba ben pouco comprensible, de aí que logo fixeran a web ñandú.cl, encamiñada a poñer en evidencia os baleiros do sistema de codificación dos nomes de dominio de Internet.

PUBLICIDADE