O Goberno contabilizou este mes de xullo máis de 600.000 dominios .es

xoves, 26 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Chega novo reconto de dominios .es. Segundo as cifras que achega o Ministerio de Industria, acadáronse estes días os 630.914 rexistros, o que significa unha subida do 21% con respecto ós números de xaneiro deste mesmo ano e de case un 50% en relación co primeiro semestre de 2006. Porén, o Goberno vai un pouco máis lonxe aínda no labor de reconto, remontándose para amosar o calibre deste crecemento a xuño de 2004, intre no que se tiñan contabilizadas 79.364 páxinas, cantidade moito menor cá obtida estes días, debido sobre todo (sinala o Ministerio) á vixencia dunha normativa anterior, máis esixente cos criteiros presentados para obter un rexistro.
Para o Goberno, o número de dominios seguirá a incrementarse de xeito claro, e máis aínda coas medidas que ten preparadas para o vindeiro outono: a inclusión da letra ñ e do resto de caracteres multilingües e a posta en marcha do programa Ningunha Empresa sen Web, que achegará ás empresas unha versión dixital para os seus negocios, incluído o seu propio dominio .es.