O Goberno dota con 1.500 millóns de euros as actuacións do Plan Avanza2 este ano

xoves, 19 de febreiro do 2009 Raquel Noya

Tal e como anunciamos na mañá de onte, o secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, presentou en Madrid as convocatorias de axudas e os programas do Plan Avanza2 no ano 2009, nun acto no que tamén interveu o director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información, David Cierco, mailo director xeral de Red.es, Sebastián Muriel.
O Plan Avanza2, integrado no Plan-E (Plan para o Estimulo da Economía e o Emprego), pon de manifesto que o Goberno segue a apostar polas TIC e pola Sociedade da Información e do Coñecemento, como “panca esencial” para mellorar a produtividade e a competitividade das empresas, a promoción da igualdade social e rexional e tamén a mellora do benestar e a calidade de vida dos cidadáns, impulsando un “modelo de crecemento económico, social e medioambiental sostible”.
Avanza2 ve a luz en 2009 coa prioridade de reforzar o apoio ás pequenas e medianas empresas e microempresas e darlle pulo a un crecemento sostible baseado na creación de empregos de alto valor engadido e a incorporación de capital tecnolóxico ás empresas.
No contexto actual, “cos logros da primeira fase do Plan Avanza”, apuntou Ros, o reto xa non é tanto a dinamización da oferta, como o fomento da demanda, así como o aproveitamento do impulso do desenvolvemento do sector para a creación dunha industria TIC propia especializada nos sectores estratéxicos e sempre centrados na pequena empresa.
O Plan conta cunha dotación orzamentaria de 1.500 millóns de euros este ano e contribuirá, segundo o secretario de Estado de Telecomunicación, “a xerar nos vindeiros catro anos preto de 200.000 empregos de alta cualificación”.

Eixes de actuación do Avanza2

As principais obxectivos que o Goberno pretende acadar co desenvolvemento da segunda fase do Plan Avanza son:
- Desenvolvemento do sector TIC.
- Capacitación TIC para cidadáns e pequenas e medianas empresas.
- Aumento dos servizos públicos dixitais e mellora da calidade dos existentes.
- Extensión da Televisión Dixital Terrestre (TDT).
- Mellora da protección da privacidade na Rede da infancia e loita contra o fraude en liña.

Convocatoria de axudas

A convocatoria 2009 para a concesión de axudas no marco da Acción Estratéxica de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información dentro do Plan Nacional de I+D+i (2008-2011), conta cun presuposto de 600 millóns de euros dos 1.500 millóns asignados ao Plan Avanza2 este ano.
No aspecto procedimental, destaca que na convocatoria deste ano se empregarán medios telemáticos en tódalas fases do procedemento, dende a presentación ata a xustificación da realización do proxecto. Asemade, tódalas solicitudes deberán ser presentadas de xeito electrónico a través do portal Ayudatec do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio
Por outra banda, o pago das axudas realizarase sempre con carácter anticipado e polo importe total da axuda, con independencia do carácter anual ou plurianual da execución do proxecto.
O Ministerio vén de convocar asemade outros subprogramas da convocatoria que son: Avanza Formación, Avanza I+D+i (Internet do Futuro e Contidos Dixitais), Avanza Cidadanía, Avanza Servizos Públicos Dixitais, e Avanza Contidos (Centros de Coñecemento).

PUBLICIDADE