O Goberno galego distribúe computadores con conexións á Rede para familias en risco

xoves, 2 de abril do 2020 S. P.

Tendo en conta que boa parte das nosas necesidades diarias, por mor da crise sanitaria e o confinamento, están envorcadas nas redes (o teletraballo, a teleformación, o lecer, a comunicación con familiares e amigos, a información de actualidade), e que por da precaria situación económica moitas familias non poden asumir os gastos de ter acceso na casa, o Goberno galego decidiu pór en marcha unha iniciativa específica para emendar esta fenda dixital do COVID-19. En termos máis concretos, o Goberno galego comezou a distribuír computadores e conexións a Internet para familias con menos recursos a través dos centros educativos.
A medida está dirixida a alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional e as familias recibirán os equipos a través dos seus centros de ensino. Os portátiles que se distribúen (un milleiro) van equipados con conectividade 4G de balde, grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange.
A dotación deste equipamento, xunto co reforzo dos recursos dixitais, forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa. O fornecemento dos aparellos faise baixo a fórmula do préstamo social, para facer posíbel a continuidade da docencia “mentres dure o Estado de Alarma”.
Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos docentes dunha plataforma de videoconferencia que xa permitiu máis de 20.000 comunicacións, nas que participaron máis de 58.000 docentes e alumnos.
Ademais, desde o pasado luns os provedores de contidos da plataforma E-Dixgal: aulaPlaneta, Edebé, Netex e Pearson, permiten o acceso ao seus contidos aos centros que non están integrados na iniciativa, “unha medida da que se poden beneficiar ata 95.000 rapaces”, informou a Xunta, engadindo que as plataformas coas que xa contaba a comunidade educativa galega incrementaron o seu uso desde a entrada en vigor da emerxencia sanitaria en Galicia. Así, a aplicación abalarMóbil triplicou os usuarios diarios, e fronte aos 28.000 de media antes da crise, estes días rexistráronse nalgunha xornada máis de 86.000 usuarios.
Tamén as Aulas Virtuais dos centros triplicaron o número de usuarios, pasando duns 18.000 de media diarios antes da emerxencia sanitaria a rexistrar máis de 58.000, triplicando tamén o uso da plataforma, que pasou de 1 millón de interaccións diarias a máis de tres millóns. Na plataforma de E- Dixgal rexistráronse incrementos de accesos diarios de entre o 90% e o 110% máis dos habituais.
Ademais da iniciativa de distribución de 1.000 portátiles con conexións a Internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos, xa en marcha na Comunidade, o Ministerio de Educación comunicou que remitirá ás CCAA 20.000 liñas de datos de alta capacidade para estudantes de Bacharelato e de FP Media e Superior, das que Galicia recibirá 928 unidades. Segundo indica o Ministerio, a distribución fíxose atendendo á Enquisa de Condicións de Vida 2018 do Instituto Nacional de Estatística. As tarxetas están dispoñíbeis grazas á colaboración do operador Telefónica.

PUBLICIDADE