O Goberno levará Internet de altas prestacións a 772 vivendas e empresas de Outes

luns, 1 de abril do 2024 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este luns 1 de abril o concello de Outes, onde mantivo unha xuntanza de traballo co seu alcalde, Manuel González. No transcurso da reunión, debullaron os proxectos locais levados a cabo co apoio do Goberno, proxectos de transformación ecolóxica e dixital que ascenden até os 3 millóns de euros. No eixo da transición verde lembraron que o Executivo central financia con preto de 800.000 euros as melloras na eficiencia enerxética en Outes, a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE).
Ademais, o Concello benefíciase do programa ÚNICO-Banda Larga, que executa o Goberno para completar a dixitalización do territorio galego. Este programa posibilitará unha conexión a Internet de altas prestacións e xa leva cubertas un total de 772 vivendas do municipio.
Por outra banda, Blanco mostrou interese por iniciativas locais como as melloras no uso da auga en Outes, que inclúen, por exemplo, a integración do río Tins dentro do núcleo urbano, ademais da creación dunha illa da biodiversidade na zona do Conchido. “Trátase este dun espazo singular con perfectas condicións para acoller un ecosistema óptimo para diferentes especies en convivencia coa vida humana”, sinalaron. Así mesmo, abordaron as posibilidades e iniciativas enmarcadas no Plan de Sustentabilidade Turística en Destinos (PSTD) da ría de Muros e Noia, financiado polo Ministerio de Turismo.
Finalmente, o delegado amosou ao alcalde a máxima colaboración institucional e o compromiso de atender as demandas e necesidades do municipio.

PUBLICIDADE