O Goberno levará banda larga de última xeración a 2.576 inmóbeis de Guitiriz

mércores, 19 de xaneiro do 2022 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, estivo este mércores 19 en Guitiriz dando a coñecer diversos proxectos a desenvolver no territorio para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Segundo dixo, o Executivo central, a través de distintos ministerios, “traballa na mellora das condicións ambientais, na rehabilitación de vivendas e na dotación de servizos de acceso a Internet de alta velocidade para cidadáns e empresas”, detallou.
José Miñones repasou estes investimentos no transcurso dunha visita institucional a Guitiriz, onde se reuniu coa alcaldesa, Marisol Morandeira, acompañado pola subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez.
A nivel tecnolóxico, o delegado do Goberno anunciou que Guitiriz vaise beneficiar da primeira convocatoria do Programa ÚNICO-Banda Larga do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital para a extensión da cobertura de Internet de alta velocidade nos concellos, “unha importante aposta do Goberno para que a conexión da Rede avanzada chegue de verdade a todo o territorio galego en igualdade”.
A convocatoria foi adxudicada a Telefónica, que deberá levar a banda larga de última xeración ata 2.576 vivendas e empresas deste concello que ata agora carecían deste servizo. O delegado do Goberno engadiu que na provincia de Lugo o Plan Único mobilizará 16,3 millóns en proxectos, con 10,2 millóns achegados polo Estado. As actuacións benefician a 64 concellos e 45.514 familias ou empresas.

PUBLICIDADE