O Goberno local de Vigo impulsa a recreación virtual do centro histórico de Bouzas
venres, 19 de decembro do 2025
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu a coñecer os detalles dun proxecto do Concello para impulsar a recreación virtual do centro histórico de Bouzas. Segundo informou o rexedor, o obxectivo é deseñar, desenvolver e habilitar unha experiencia inmersiva que permita a reconstrución virtual do barrio histórico de Bouzas, “poñendo en valor o seu patrimonio arquitectónico, cultural, social e mariñeiro mediante o uso das tecnoloxías máis avanzadas”.
A iniciativa inclúe pois a dixitalización tridimensional do núcleo histórico de Bouzas, incorporando os seus principais elementos culturais e arquitectónicos. Ademais, crearase unha plataforma interactiva e accesible, tanto en formato web como aplicación móbil, que contará con modelos 3D, recursos audiovisuais, información histórica e locucións en galego, castelán e inglés. A iniciativa contempla tamén a incorporación da ruta patrimonial e dos seus 16 puntos de interese
“Queremos que toda España e todo o mundo poida estar no corazón de Bouzas”, expresou o rexedor.
Grazas a este proxecto, as persoas usuarias poderán percorrer virtualmente os principais puntos de interese de Bouzas mediante un mapa patrimonial tridimensional navegael, acceder a contidos contextualizados e activar audioguías en distintos idiomas, reforzando así a difusión e o coñecemento dun dos barrios con maior identidade histórica da cidade.
