O Grupo Puentes e o CETIM desenvolven un sistema de monitoraxe de infraestruturas en remoto con fibra óptica
luns, 1 de xuño do 2026
O Grupo Puentes e o CETIM Technological Centre desenvolveron un sistema de medición en remoto e en tempo real do estado de grandes infraestruturas, a través de fibra óptica embebida no formigón que permite o mantemento preditivo continuado, sen necesidade de desprazar aos técnicos.
Con este proxecto, denominado Fibersens, as dúas entidades galegas buscan “impulsar a transición cara a infraestruturas intelixentes, resilientes e conectadas”.
A tecnoloxía, explican, “pode monitorar e cruzar os datos arrichados polos sensores de fibra óptica respecto a catro parámetros de control críticos (corrosión, humidade, temperatura e deformación interna); e deste xeito, pódese facer seguimento exhaustivo e a longo prazo do estado de saúde das estruturas, incrementando a súa seguridade e vida útil”.
O sistema Fibersens baséase na integración de sensores de fibra óptica na matriz e estrutura de formigón. O proxecto emprega redes de fibras de bragg (FBG), un tipo de sensor óptimo para esta tarefa pola súa elevada resolución, robustez e fiabilidade en condicións extremas.
O CETIM sinala que “Fibersens introduce estes sensores na estrutura para a obtención, en remoto e de maneira continuada, de información vital para o mantemento da infraestrutura e ofrece, a vantaxe de permitir medicións ao longo de grandes distancias sen interferencias, fronte aos sistemas de monitoraxe empregados ata o de agora”.
Para a lectura e interpretación dos datos, o Grupo Puentes e o CETIM desenvolveron un sistema propio de adquisición de datos desde un mando central que evita desprazamentos de técnicos, cun impacto positivo nos custos e a seguridade laboral.
Principais resultados
Explican que Fibersens mostrou “un comportamento excelente” nos ensaios realizados, tanto en laboratorio, onde foron testeadas diferentes configuracións de integración de sensores en formigóns, como en contorna real. Os resultados mostraron unha alta estabilidade e precisión dos sensores, “que demostraron gran resistencia e fiabilidade ante condicións ambientais extremas, mantendo un comportamento predicible mesmo tras períodos prolongados de exposición e con cargas de ata 20 toneladas”, sinalaron.
Ademais, engadiron, “Fibersens supón un cambio de paradigma na monitoraxe de infraestruturas, ao permitir un mantemento preditivo continuado e en remoto, o que reduce as inspeccións puntuais por parte de traballadores técnicos e os custos asociados”.
A maiores, este sistema lanza máis datos dos empregados ata o de agora, o que supón unha maior seguridade na toma de decisións. “Todo iso redunda na optimización da xestión de grandes infraestruturas, o que supón un avance para a dixitalización do sector da construción”, apuntou o CETIM.
