O Humble Bundle oferta grandes xogos da Warner

mércores, 6 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Para achegar fondos á Raiden Science Foundation dende Warner Bros. Games volve apostar pola iniciativa solidaria Humble Bundle ofrecendo lotes dos seus xogos a un prezo moi reducido, buscando así que parte dos ingresos conseguidos vaian destinados a unha boa causa.
Nesta ocasión os lotes de xogos de Warner Bros. Games son sumamente interesantes por incluír títulos de franquías tan populares como Batman, O Señor dos Aneis ou Mortal Kombat.
As contribucións máis básicas, que acheguen como mínimo 7,41 euros recibirán os xogos Suicide Squad: Kill the Justice League, Watchmen: The End is Night Part 1 and 2, Mad Max, Mortal Kombat XL, Batman: Arkham City, Batman: Arkham Asylum e Injustice: Gods Among Us.
Quen achegue un mínimo de 12,72 euros recibirá, a maiores dos xogos anteriores, os títulos Gotham Knights, Back 4 Blood, Mortal Kombat 11, F.E.A.R., Tierra Media: Sombras de Guerra, Batman: Arkham Knight, Injustice 2, Batman: Arkham Origins e Tierra Media: Sombras de Mordor.
Estamos ante unha selección de xogos moi representativos, que para algúns xogadores poden resultar interesantes para completar a colección ou simplemente dar unha oportunidade ante o reducido que resulta o gasto para facerse con eles á vez que se contribúe a unha causa solidaria.
O proxecto de Humble leva en activo dende 2010, e en todo este tempo conseguiu achegar máis de 269 millóns de dólares a organizacións benéficas.