O IES Rafael Dieste prepárase para a gran festa de Aquí tamén se fala III co apoio da Secretaría da Lingua

martes, 2 de xuño do 2026 S. P.

Este 2 de xuño presentouse na Coruña a terceira edición do festival Aquí tamén se fala, enmarcado na campaña de dinamización da lingua posta en marcha pola mocidade do instituto coruñés Rafael Dieste (co apoio da Secretaría Xeral da Lingua), que, como lembraremos, foi Premio da Cultura Galega o ano pasado en recoñecemento ao seu poder para estender o uso galego ao propio centro e á súa contorna.
Participaron no acto o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra Tuñas, xunto co concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro; o director do IES Rafael Dieste e coordinador do festival, Alberto Pombo; os coordinadores Ramón Barreiro e Arcadio González; e as artistas Marta Álvarez, do grupo De Ninghures, e Iago Lema, de Apolo 18.
García salientou que se trata dunha proposta “de especial importancia polo feito de que xurda nun espazo escolar, xa que os centros educativos desde o punto de vista do lecer e a convivencia son un dos motores principais de impulso e prestixio do galego”. Deste xeito, felicitou o alumnado e profesorado “deste centro multicultural por continuar con este proxecto que segue a fortalecerse ano tras ano cun traballo que favorece o uso e coñecemento da lingua, sendo un exemplo para as xeracións máis novas”. A festa pola lingua que se celebra ao abeiro desta iniciativa celebrarase o vindeiro venres 12 de xuño na praza da Tolerancia, ás 17.00 horas e con entrada gratuíta, con presenza dunha banda internacional Carolina Deslandes, artista portuguesa con máis dun millón de seguidores nas redes sociais, e cos galegos De Ninghures, Kid Mount e Apolo 18.
Baixo o paraugas desta iniciativa, que se estende a 300 centros da Comunidade, realízanse outras accións de fomento do idioma como entrevistas ou campañas nas redes sociais que contan coa participación de persoeiros galegos e internacionais e entidades que animan á xuventude a usar a lingua. Así mesmo, trátase dunha proposta que se une a outras que tamén involucran o estudantado como 21 días co galego e +, Falamos + ou Nós tamén creamos, materializadas pola Secretaría da Lingua.
A iniciativa #aquítaménsefala é unha campaña de dinamización lingüística da mocidade estudantil, con accións directas nos barrios e na contorna inmediata de cada alumno: un proxecto que comezou no IES Rafael Dieste da cidade da Coruña para logo estenderse por centros de todo o país, en boa medida a través das redes sociais (Instagram, Youtube, Spotify e Tiktok). Trátase dunha iniciativa que pon especial atención á música e á cultura galega realizando gravacións e entrevistas que se divulgan nas RRSS.
Aquí tamén se fala contou nas redes sociais co apoio inicial de representantes da cultura como Viggo Mortensen, James Rhodes ou Tanxugueiras.
Referencia na promoción do galego
A deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra Tuñas, tamén participou na presentación da xornada festiva. Agra reivindicou o festival Aquí tamén se fala como “un exemplo do papel que poden desempeñar os centros educativos na normalización do uso do galego entre a mocidade”.
No acto participaron tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro; o director do IES Rafael Dieste e coordinador do festival, Alberto Pombo; os coordinadores Ramón Barreiro e Arcadio González; e as artistas Marta Álvarez, do grupo De Ninghures, e Iago Lema, de Apolo 18.
Durante a presentación déronse a coñecer a programación, os obxectivos e as principais novidades desta terceira edición dun proxecto que naceu no ámbito educativo e que se consolidou como unha referencia na promoción do galego entre a xente nova.
Na súa intervención, Agra destacou que Aquí tamén se fala “é unha iniciativa feita por profesorado e alumnado dun instituto dunha cidade”, feito que demostra que as campañas de normalización lingüística que se fan desde os centros educativos “poden funcionar na normalización do uso do galego entre a mocidade”. A deputada subliñou ademais que “a situación de emerxencia lingüística non é culpa da mocidade nin do incremento do alumnado migrante” e asegurou que esta experiencia demostra que “a lingua pode ser un elemento de acollemento e dinamización educativa”.