O ITG mostrou as vantaxes das tecnoloxías colaborativas para construír mellor

xoves, 9 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe na sede do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) falouse de construción e dos novos xeitos de abordar un proxecto no sector, uns modelos en gran parte importados do desenvolvemento informático participativo, intelixente, comunitario e sen cancelas. Estes e outros temas tratáronse no primeiro Encontro #GaliciaBIM 2019, organizado polo ITG co obxectivo de abordar o presente e o futuro do Building Information Modeling (BIM), a metodoloxía de traballo colaborativa para a creación e xestión de proxectos de construción cuxo obxectivo é centralizar toda a información nun modelo dixital único creado entre todos os seus axentes.
A xornada, que tamén contou co impulso do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia (CICCP), comezou poñendo o foco no asunto central da xuntanza: o modelo BIM. Este, sinalouse, supón a evolución dos sistemas de deseño tradicionais baseados no plano, xa que incorpora información xeométrica (3D), de tempos (4D), de custos (5D), ambiental (6D) e de mantemento (7D). O sistema abrangue desde a execución do proxecto até o ciclo de vida do edificio, “o que supón unha clara vantaxe competitiva no sector”, explicouse.
Na cita participou o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia (IGVS), Heriberto García, quen interveu no acto inaugural lembrando “a forte aposta do IGVS pola incorporación da metodoloxía BIM aos proxectos da entidade”, que xa empregou esta metodoloxía nalgúns proxectos e que será incluída nos pregos de futuras licitacións sen que supoña unha limitación á concorrencia.
En palabras do director da área de Construción Sustentábel de ITG, Óscar Martínez, “divulgar os beneficios da metodoloxía BIM permitirá ás empresas da nosa contorna situarse na vangarda da profesión a nivel internacional”.
No transcurso da xornada participaron empresas e entidades do sector que puxeron en común a súa experiencia como usuarios BIM. É o caso de es.BIM (Comisión impulsada polo Ministerio de Fomento), easyBIM, C&S Consulting, CIMARQ, Martínez Segovia, Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, COAG, CICCP de Galicia e o Instituto de Tecnoloxía da Construción de Cataluña (IteC).
Que é BIM?
Building Information Modeling (BIM) é unha metodoloxía de traballo colaborativa para a creación e xestión de iniciativas de novos edificios. A súa finalidade é centralizar toda a información dun proxecto nun modelo único de información dixital creado por todos os seus axentes. BIM implica un desenvolvemento dos sistemas de deseño tradicionais baseados no plano, xa que incorpora información xeométrica, de tempos, de custos, ambiental e de mantemento. Froito do seu espírito de traballo en mancomún xurdiu o procedemento openBIM, baseado no uso de estándares abertos para favorecer o intercambio de datos e recursos entre axentes, procesos e aplicacións.

PUBLICIDADE