O ITG ofrece en outubro cinco actividades para axudar ás pemes a avanzar en dixitalización

xoves, 30 de setembro do 2021 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia vai encher o mes de outubro de formación transformadora para as pequenas e medianas empresas, formación para facilitarlles o inevitábel camiño da dixitalización. Farao a través da súa Oficina Acelera PEME, activada en colaboración con Red.es. As vindeiras citas serán as dúas o 5 de outubro (Intelixencia Artificial en pemes: conceptos e casos éxito, a partir das 10.00 horas, e Seguridade dixital en pemes: riscos e factores clave, a partir das 11.30 horas), ás que se engaden tres sesións de transformación máis na recta final de outubro.
O obxectivo da Oficina Acelera PEME será “facilitar ás pequenas e medianas empresas galegas un servizo integral e gratuíto que lles permita acelerar a súa transformación dixital”.
A actividade da oficina do ITG iniciouse cun total de ciclo de oito sesións formativas en liña, con formato de webinars, nas que se mostrarán de xeito práctico diferentes procesos de dixitalización levados a cabo en empresas galegas por provedores tamén galegos.
Búscase, en palabras do ITG, “amosar que a dixitalización e a mellora da competitividade están ao alcance de calquera empresa con exemplos próximos e prácticos”.
A primeira das sesións centrouse na Internet of Things (IoT) como ferramenta de produtividade na Industria (o pasado 23 de setembro), ao que seguiu unha cita coas claves para situar a web de forma efectiva (día 28) e outra sobre as axudas públicas existen para levar a cabo proxectos de dixitalización na empresa (día 28).
O programa completo está dispoñíbel na web do proxecto, que inclúe tamén sesións que abordan o concepto, os riscos e os factores clave de activar tecnoloxías como a Intelixencia Artificial; os Sistemas de Xestión Empresarial (ERP); as tendas web e comercio electrónico; a dixitalización de postos de traballo; ou os factores básicos para unha axeitada seguridade dixital na empresa.
Ademais do asesoramento ás empresas no seu proceso de transformación dixital, a Oficina do ITG ten como obxectivo axudar a 55 pemes galegas a enfocar de maneira axeitada a súa estratexia tecnolóxica. Para cada unha delas, tras identificar o seu nivel de madureza tecnolóxica, realizarase un plan personalizado de transformación nas distintas fases do seu proceso de negocio: compras, vendas, finanzas, produción ou loxística, por exemplo.
A nova oficina vén reforzar o compromiso de ITG coa transferencia de coñecemento á sociedade, en xeral, e ao mundo empresarial, en particular.
Programa formativo gratuíto
Entre os meses de setembro e de outubro hai programados 8 webinars formativos aos que as pemes interesadas pódense inscribir de forma gratuíta a través do formulario dispoñíbel na web do proxecto.
Setembro:
-Xoves 23, 10h. IoT (Internet das Cousas) como ferramenta de produtividade na industria: concepto e casos de estudo. Relator: José Antonio Carreiro, enxeñeiro de software do ITG.
-Martes 28, 10h. Posicionamento web efectivo en buscadores. Relator: José Alcañiz, director executivo (CEO) de Esterea Comunicación Digital.
-Martes 28, 11.30h. Axudas públicas dispoñíbeis para a dixitalización. Relatora: Lucía Cresto, consultora sénior en SILO Science & Innovation.
Outubro:
-Martes 5, 10h. Intelixencia Artificial en pemes: conceptos e casos éxito. Relator: González Blázquez Gil, enxeñeiro de I+D e software no ITG.
-Martes 5, 11.30h. Seguridade dixital en pemes: riscos e factores clave. Relator: Ednon (pendente de confirmar).
-Martes 26, 10h. Sistemas de xestión empresarial (ERP): factores clave. Relator: Iván Becerra Prado, director de Captology.
-Martes 26, 11.30h. Dixitalización de postos de traballo: o teletraballo efectivo. Relator: Iván Becerra Prado, director de Captology.
-Mércores, 27, 10:00h. Tendas online: riscos e claves para polas en marcha. Relator: José Alcañiz, director executivo (CEO) de Esterea Comunicación Digital.

PUBLICIDADE