O Industry Day do CITMAga mostrará os avances da firma eólica Instra grazas á IA

martes, 19 de maio do 2026 S. P.

O CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) celebra este venres 22 de maio o seu XV Foro de Interacción Matemática Industria (Industry Day), que reunirá a investigadores matemáticos e a representantes de empresas nacionais e internacionais, que amosarán como as matemáticas están a resolver problemas actuais que afectan á industria. Entre as empresas participantes figura Instra Ingenieros, unha firma de servizos de arquitectura, enxeñaría e consultoría con sedes na Coruña, Vigo, en diferentes puntos de España, ademais de China, Colombia e México; e con proxectos nos cinco continentes.
A súa especialización concéntrase nos sectores industrial, distribución e loxístico, así como nos ámbitos enerxético e retallista.
O seu director executivo (CEO), Pedro Pérez Gabriel, afirma que nos proxectos de enxeñaría están sempre presentes os matemáticos: “Traballamos en proxectos de sostibilidade industrial e portuaria onde aplicamos métodos matemáticos que nos permiten seleccionar as mellores medidas para reducir as emisións de CO2, tendo en conta ademais o seu custo económico e o impacto social, entre outras variables”.

Pedro Pérez, CEO de Instra

No transcurso do evento, Pérez Gabriel presentará igualmente solucións en enerxías renovables, en particular o proxecto Makemake: “Facemos uso e adestramento de algoritmos de intelixencia artificial, deseñados especificamente para procesar datos visuais como imaxes ou vídeos, co fin de identificar aves nos parques eólicos e así reducir o risco de impacto na avifauna nestas infraestruturas enerxéticas”, explica o directivo de Instra, que considera “esenciais” aos matemáticos pola súa formación en métodos numéricos e estatísticos, “ferramentas fundamentais para modelar problemas complexos e resolvelos a nivel computacional. Ademais, di, “posúen a capacidade e a formación en lóxica que os leva a adaptarse ben no mundo do software e da intelixencia artificial”.
E engade: “Creo que as matemáticas e a IA axudarannos -como xa o fixeron no pasado a ciencia e a tecnoloxía- a resolver problemas que nos impactan, como a necesidade de fontes de enerxía sostibles, a redución de emisións contaminantes ou a atopar remedio ás doenzas”.