O Kit de Activación Dixital da Coruña abriuse á participación da xente

mércores, 14 de febreiro do 2018 Redacción

O Kit de Activación Dixital, posto en marcha polo Concello da Coruña para atender a demanda dos axentes sociais e culturais (docentes, centros culturais, activistas, servizos sociais, traballadores de bibliotecas e profesionais en xeral de moi diversos ámbitos) de ferramentas accesíbeis e universais que favorezan a creación e distribución de contidos, está estes días aberto á participación directa da cidadanía. Segundo explican dende Coruña Dixital, recolleranse até o 28 de febreiro as contribucións de “todas aquelas persoas que teñan unha experiencia relacionada co audiovisual e as narrativas dixitais como ferramentas de traballo ou aprendizaxe no contexto da educación ou da transformación social”. O obxectivo: acadar entre todas e todos unha ferramenta máis completa e útil á comunidade.
A metodoloxía a seguir polos cidadáns que queiran achegar as súas propostas é esta: en primeiro lugar hai que acceder ao espazo web do Kit, e unha vez dentro, entrar no apartado de Achegas e cubrir un formulario online. Do mesmo xeito recóllense ideas, suxestións e dúbidas que teñan como obxectivo mellorar a guía metodolóxica do proxecto ou calquera outro apartado do mesmo. Segundo explican os responsábeis do Kit, a idea é que unha vez pechado o prazo de recollida, sexa posíbel elaborar un documento, que se habilitará para descarga en formato PDF e que “será a guía metodolóxica final”. Esta guía, xa definitiva, incorporarase á web o día 15 de marzo.
Para quen non o saiba, Kit de Activación Dixital é unha guía e un punto de encontro entre “persoas que fan e persoas que queren facer”, en palabras de Coruña Dixital, que engade que o proxecto pon en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación audiovisual e a comunicación dixital, “pensando especialmente nas aulas de ensino (formal ou non) e nos espazos culturais de proximidade, pero tamén en asociacións veciñais, culturais ou vinculadas a colectivos específicos”.
O Kit de Coruña Dixital está dispoñíbel para o público dende o 3 de febreiro. Detrás deste proxecto atópanse as seguintes entidades e colectivos: Coruña Dixital (Concello da Coruña), Gingko e La Mujer Forzuda.

PUBLICIDADE