O Laboratorio de Bases de Datos do CITIC organizou a 16ª conferencia sobre similitude e aplicacións (SISAP)
mércores, 18 de outubro do 2023
O
Laboratorio
de Bases de Datos do CITIC da Universidade da Coruña organizou a
décimo sexta edición da International Conference on Similarity
Search and Applications (SISAP), que tivo lugar na Coruña estes
9, 10 e 11 de outubro. O evento atraeu a asistentes de 17 países, o
que o converteu nunha oportunidade única para o intercambio de ideas
e colaboracións internacionais na área de xestión de datos de
similitude.
Segundo
relatan fontes do CITIC, SISAP é un foro anual que reúne a
investigadores e desenvolvedores de aplicacións no eido da xestión
de datos de similitude. Con problemas tecnolóxicos compartidos nunha
ampla gama de dominios de aplicacións, desde minería de datos ata
recoñecemento de patróns e biometría, “SISAP converteuse nun
evento fundamental para profesionais de todo o mundo”, apunta o
centro coruñés, engadindo que no transcurso da conferencia
outorgáronse os premios ao Mellor Traballo e ao Mellor Traballo
Estudantil. Ao mesmo tempo, por parte da organización recomendarase
unha pequena escolma das mellores contribucións presentadas na
conferencia para a súa inclusión nun número especial de Elsevier
Information Systems.
Ademais,
SISAP 2023 contou desta volta con tres conferenciantes destacados:
Michael Houle do New Jersey Institute of Technology (NJIT), cuxos
coñecementos en procura por similitude son recoñecidos a nivel
internacional; Yury Malkov, un experto en procura vectorial
aproximada que contribuíu significativamente a este ámbito e Julio
Gonzalo, da UNED, cuxa experiencia en recuperación de información e
minería de datos achegou unha perspectiva valiosa ás discusións da
conferencia.
A
iniciativa SISAP é un foro para
intercambiar exemplos de aplicacións do mundo real, novas técnicas
de indexación, bancos de probas e puntos de referencia comúns,
código fonte e literatura actualizada a través da súa páxina web,
ao servizo da comunidade de procura de similitudes.
A
actividade comezou en 2008 como un obradoiro de traballo e ao longo
dos anos converteuse nunha conferencia internacional con actas de
Springer Lecture Notes in Computer Science (LNCS).