O Mercado de Pontevedra contará cun avanzado sistema de control de aforo e cálculo de persoas

martes, 13 de abril do 2021 S. P.

O Mercado de Abastos de Pontevedra vai contar en datas vindeiras cun avanzado sistema informático de control de aforamento e cálculo de persoas con visualización en tempo real. A iniciativa vén da man da Concellería de Promoción Económica, que destinou un orzamento de máis de 7.000 euros para a súa contratación. A tecnoloxía estará emprazada nas principais entradas do Mercado. A empresa encargada de facelo será o grupo Almas Industries.
O sistema contará cunha pantalla dotada dun software de xestión NVR (gravación de vídeo en rede), disco duro e monitores de aforo. Este conxunto de equipos, explicou a empresa, “proporcionará unha precisión do 95% e unha área de detección de até dous metros grazas á instalación de dúas cámaras na entrada principal e unha cámara na saída”.
Segundo explicou a concellería de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “esta ferramenta punteira dará moita tranquilidade aos traballadores e usuarios do Mercado, ofrecendo visualización en tempo real sobre a afluencia, permitindo informar os clientes sobre se deben acceder ou esperar, axudando a previr aglomeracións, por tanto, freando a posible propagación do coronavirus”. O obxectivo, engadiu, é achegar un importante compoñente de seguridade no “actual contexto de pandemia”, no que a concentración de persoas nos locais e as instalacións supón unha importante problemática, en especial naqueles que teñen grandes fluxos de público, como o Mercado de Abastos, que nestes momentos ten un aforamento máximo de 150 usuarios por andar.

PUBLICIDADE