O PSdeG-PSOE xa conta cun dominio de Internet con eñe

xoves, 9 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Os dominios de Internet internacionalizados chegan ó amparo do Internet Explorer 7 e o Mozilla Firefox

A Internet é un medio no que o inglés é unha lingua cun peso excesivo, xa que non só ostenta un predominio nos contidos, senón que tamén está implantado a nivel técnico, o que resulta moi preocupante e conta coa oposición de boa parte do mundo, que considera que esta situación propicia a fenda dixital.
Así, o sistema de dominios de Internet emprega só un grupo reducido dos caracteres latinos, polo que outros xeitos de escritura como a arábica, a cirílica ou a chinesa non se senten representadas e teñen un problema moi grande á hora de contar co seu propio espazo na web. Ademais, non só as linguas cunha escritura non latina se atopan con atrancos, senón que iso tamén se pode aplicar ó resto de linguas coma español, o francés ou o alemán, posto que contamos con caracteres con distintos tipos de acentos (ou tiles), e letras coma o eñe.
Vinton G. CerfEsta problemática está provocada polas cortas miras norteamericanas, que queren impor a súa escrita no que din que é un “problema técnico” (a xuízo de Vinton G. Cerft, un dos pais da Internet) mentres que outros sosteñen que en realidade están intentando ocultar a súa culpa e incompetencia, así como falta de sensibilidade co resto de culturas que non se sustentan no alfabeto inglés, polo que parece que o conflito lingüístico na Rede, lonxe de ser un problema técnico parece máis un problema político, xa que actualmente existen sistemas non oficiais para a utilización de dominios multilingües, sendo o máis habitual (e considerado o estándar de facto) o sistema de dominios internacionalizados (IDN).
Incluso a comisaria europea para a Sociedade da Información, Viviane Reding, declarou que o sistema IDN “se veu erradamente coma un asunto técnico” e incluso advertiu que retrasar de xeito prolongado a introdución deste sistema podería ter repercusións negativas, fragmentado o espazo dos nomes na Internet.
Os argumentos empregados polos responsables norteamericanos coma Cerf resultan pouco cribles, e continúan a chamar á prudencia, pedindo que os novos sistema se proben exhaustivamente (cando xa levan moitos anos operativos) no que parece ser a anteposición da teorización fronte á práctica, o que é xusto o sistema contrario á historia da Rede (xa que a Internet funciona co protocolo TCP/IP ante as demoras na creación do estándar OSI). Así, a oposición de ICANN ós cambios poderían ser unha postura non só fútil, senón que moi prexudicial para os usuarios, que serían reticentes ó uso dos dominios IDN mentres algún especulador podería estar facéndose como milleiros de nomes de dominio deste tipo para revendelos no futuro, polo que canto antes se dean os pasos para empregar os dominios internacionalizados menos problemas se terán.
Ademais, os dominios internacionalizados non só están a ser explotados por varios países e incluso deron lugar a curiosas poxas en eBay, senón que na actualidade tanto o navegador Mozilla Firefox coma o Internet Explorer 7 soportan os nomes de Internet coñecidos coma IDN, polo en pouco tempo a meirande parte dos usuarios do mundo poderán acceder a webs que empreguen tal sistema (non acontece así co correo electrónico, que aínda non está maduro a tal respecto).
O sistema IDN o que fai e converter os dominios con caracteres nacionais en outros nomes bastante crípticos que si son aceptables polo sistema de rexistro actual, de xeito que dominios como acoruña.com, coruña.com ou lacoruña.com corresponderían a xn—acorua-0wa.com, xn—corua-rta.com e xn—lacorua-9za.com respectivamente. Este exemplo resulta así crucial para explicar o problema do retraso na adopción do novo sistema de dominios, porque os 3 dominios mencionados xa están actualmente rexistrados, e por usuarios particulares, polo que o Concello da Coruña tería problemas de querer facerse con eses dominios no futuro. Habería que animar así a empresas, asociacións e marcas que vaian comprobando se os nomes de Internet relativos ás súas actividades e nomes que puidesen ser susceptibles deste tipo de rexistros están dispoñibles para evitar que no futuro alguén trate de sacar proveito da situación.
Páxina web baixo o dominio Touriño.comNesta dirección podemos mencionar o caso exemplar do PSdeG-PSOE, que pese a que non ten un nome que puidera verse prexudicado, e nun exercicio de previsión, conta xa cun dominio internacionalizado: Touriño.com. Así, os usuarios dos máis modernos navegadores de Internet para acceder á vella web electoral do actual presidente da Xunta de Galicia non teñen por qué escribir presidentetourino.com (dominio que deturpa o apelido do presidente) senón que poden empregar o eñe dende a barra de enderezos do seu navegador para acceder á devandita web.
Hai que indicar que o uso deste tipo de dominios non debe ser exclusivo, de xeito que se debe complementar con dominios sen IDN para mellorar a accesibilidade internacional ás webs, polo que o rexistro do dominio xn—tourio-0wa.com que sería o equivalente a Touriño.com non debería eliminar o dominio actual, senón que se debería empregar só coma complemento, o que pode resultar especialmente práctico para o seu uso fóra da Rede, xa que deste xeito, para dar un enderezo dunha web por teléfono non teriamos que esforzarnos para substituír os eñes por enes ou advertir que os enderezos non teñen tiles.
Sen dúbida, unha mellora que para os usuarios de todo o mundo suporá un achegamento da Rede, aínda que precise dun esforzo superior para os técnicos que se deberán de encargar de xestionar cada día máis nomes de dominio.
Ademais, a vicepresidencia María Teresa Fernández de la Vega xa prometeu hai poucos días que en 2007 se abriría a opción de rexistrar dominios con eñe baixo o .es, polo que resulta sumamente coherente comezar a preocuparse pola internacionalización dos nomes da Internet, de xeito que os posibles afectados deberían comezar a botar un ollo ó asunto para protexer os seus intereses.

PUBLICIDADE