O Pressing Catch arrasa nas vendas de videoxogos en España

luns, 3 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Aínda que Nintendo continúa a ter unhas vendas de videoxogos moi importantes tanto para a súa consola doméstica como para o seu modelo portátil, Sony parece que comeza a levantar cabeza de cara ó Nadal, e nas vendas de videoxogos en España durante a última semana destacou especialmente o xogo WWE Smackdown! vs. Raw 2008 que na súa entrega para PS2 foi o título máis vendido, mentres que a súa versión para PSP se situou nunha moi digna 6ª posición. O éxito deste título destacaría o rexurdimento que está a ter o Pressing Catch dende que está na grella televisiva de Cuatro.
A PS2 tamén colocou nun terceiro posto o xogo futbolístico Pro Evolution Soccer 2008 e no décimo posto a última entrega de Dragon Ball Z, resultando especialmente rechamante que por fin aparece na listaxe a PS3 con Assassin’s Creed na 2ª posición, Need for Speed Pro Street na 5ª e Call of Duty 4: Modern Warfare na 8ª. Así, 7 dos 10 títulos máis vendidos en España irían a parar a consolas de Sony.
Nintendo pola súa banda conquistou as posicións 4ª, 7ª e 9ª co Super Mario Galaxy para Wii e Más Brain Training e Imagina ser Mamá para DS.

PUBLICIDADE