O Prime Time de Internet en España non coincide co da media europea

luns, 16 de xuño do 2008 Raquel Noya

Ó igual que sucede coa hora de comer, de durmir, de traballar ou de ir de festa, os españois temos horarios distintos (respecto do resto de europeos) para navegar por Internet e o noso Prime Time (a hora de máxima audiencia ou uso do servizo) difire bastante do de outros países veciños que, en aparencia, teñen os mesmos hábitos.
Segundo vén de revelar un estudo elaborado por XiTiMonitor, unha empresa especializada na medición de audiencias en liña, tal e como sucede coa televisión, os españois teñen uns intres no día para navegar pola Rede que se foron establecendo en función de variables como os hábitos culturais e horario laboral.
Deste xeito, mentres en Europa a metade das visitas a Internet entre semana se concentran entre as 07:00 e as 17:00 horas, tendo o máximo auxe entre as 13:00 e as 14:00 e a máxima audiencia entre as 19:00 e as 20:00 horas, en España o horario de máxima audiencia retárdase de 20:00 a 21:00 horas, unha hora máis tarde cá media europea. Entre as 14:00 e as 16:00 tamén se reducen as conexións pero aquí faise dun xeito moito máis drástico que no resto de Europa ó coincidir coa hora de xantar.
O estudo revela ademais outras características específicas de comportamento horario entre os internautas españois, que se resumen deste xeito:
-Os internautas españois madrugan menos, así, mentres no resto de Europa, un 11,2 por cento de internautas navegan entre as 7:00 e as 10:00, en España a cifra cae ata o 9,1 por cento.
-A pausa para xantar está moi marcada e prodúcese máis tarde: de 14:00 a 16:00 horas prodúcese un forte descenso.
-Os internautas españois navegan máis durante a tarde e a noite, todo o contrario do que sucede no resto de Europa, onde as visitan que se producen entre as 18:00 e as 2:00 sitúanse 5 puntos por debaixo da media española (31 fronte ó 36 por cento de usuarios).