O Proxecto ABALAR achegará ultraportátiles aos escolares de Ferrolterra

martes, 11 de maio do 2010 Redacción

Diego Calvo, delegado territorial da Xunta de Galicia en A Coruña, presentou hoxe o Plan ABALAR para a comarca de Ferrol, acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema; e o subdirector xeral de Sistemas Informáticos da Consellería de Educación, Carlos Vázquez Mariño. Deron a coñecer que os preto de 1.360 alumnos de 30 centros de Ferrolterra terán en setembro cadanseu ordenador ultraportátil na aula, grazas á implantación do Proxecto ABALAR nos centros educativos da zona, que vai desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cun investimento de 1.100.000 euros en equipamento informático, infraestruturas e formación do profesorado, o que demostra a forte aposta que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a facer pola calidade do ensino nos centros de Ferrol e a súa área.
Tras o encontro cos medios os representantes da Consellería de Educación mantiveron unha reunión cos directores dos 30 centros da comarca de Ferrol que participan nesta primeira fase do Proxecto ABALAR. Os primeiros en entrar no proxecto para a implantación das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o vindeiro curso serán 68 aulas de colexios e institutos da zona. Así, os alumnos e alumnas de 5º de Primaria e 1º da ESO, disporán de cadanseu ordenador ultraportátil. Amais, o proxecto dotará ás aulas de encerado dixital e ordenador de sobremesa para o profesorado.
A estratexia de implantación das TIC no sistema educativo que está a desenvolver a Consellería de Educación, a través do Proxecto ABALAR vai supor a conversión de colexios e institutos en Centros Educativos Dixitais, o que redundará nun cambio do modelo ensino-aprendizaxe. Isto esixe a adopción e integración das TIC en todos os ámbitos do proceso educativo, a través do fomento da Cultura Dixital, e coa implicación das familias e de toda a comunidade educativa.

PUBLICIDADE