O Redondela en Curto quence motores para dar comezo o 22 de abril

venres, 16 de abril do 2010 Raquel Noya

Logo do éxito acadado nas pasadas edicións, ás que acudiron milleiros de persoas con ganas de pasalo ben e ser partícipes dunha das festas do audiovisual máis importantes de Galicia, Redondela volve a vestirse coas súas mellores galas para celebrar, do 22 ao 25 de abril, unha nova edición do seu festival Redondela en Curto, que fai unha homenaxe ás pezas audiovisuais con máis sona e ao mesmo tempo máis veneradas do noso país: as curtas.
Nesta sexta edición, a organización decidiu engadir novos cambios e darlle un pequeño xiro ás actividades paralelas para o que creou a Sección Alternativa, onde se proxectarán curtametraxes fóra de concurso con algunha que outra peculiaridade, sen deixar de darlle importancia ás seccións informativas e ás actividades escolares, que volven a ser, un ano máis, o punto máis importante da cita.
As proxeccións, que se recollen ao detalle no programa oficial do evento, terán lugar no Auditorio Multiusos da Xunqueira, e a entrada será de 2 euros por sesión, e de balde na Sección Alternativa, que se desenvolverá no Pub Disco Tasca.
No tocante aos premios, o Premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción constará de trofeo máis 1000 euros e o Premio do público constará dun trofeo máis de 500 euros en metálico.
O acto de inauguración deste festival, que terá lugar o vindeiro 22 de abril no Multiusos de Redondela, contará coa presenza de Fernando Morán e Xavier Deibe como condutores da gala así como coa actuación musical do grupo local, Beatus Ille.

PUBLICIDADE