O SINC presenta unha escolma de todos os centros científicos españois na Rede
xoves, 12 de xuño do 2008
O Servizo de Información e Novas Científicas (SINC) vén de publicar un directorio que contén tódolos centros tecnolóxicos, Ministerios, Organismos Públicos de Investigación (OPIs), universidades, parques científicos ou fundacións que teñen que ver coa actividade investigadora en España, ó que se pode acceder a través da súa páxina web oficial.
O devandito directorio conta, entre outras cousas, cun buscador avanzado que proporciona a información de contacto dos centros tal como os datos do seu emprazamento, o seu teléfono, dirección postal ou correo electrónico, e permite realizar consultas por nome da institución, comunidade autónoma, provincia, centro, departamento ou área de coñecemento que abarca (do total das 25 que integra e que van dende a agricultura ata a transferencia tecnolóxica).
Aínda que o SINC, creado no pasado mes de febreiro, é unha plataforma de novas aberta ó público en xeral, o Directorio do Sistema Español de Ciencia e Tecnoloxía que vén de crear, é un servizo exclusivo para as institucións e xornalistas rexistrados na plataforma e polo tanto o seu acceso está limitado só para as persoas autorizadas.
Nesta área restrinxida ofrécense, asemade, alertas de publicacións científicas, novas embargadas, convocatorias e contidos “á carta”, reportaxes e entrevistas elaboradas polo Sinc en exclusiva para os medios de comunicación así como novas procedentes de investigadores, asociacións científicas e institucións privadas alleas á entidade.
Por último, este novo servizo tamén ofrece os desenvolvementos máis recentes da ciencia europea, que están presentes no SINC grazas a un acordo de colaboración coa fundación sen ánimo de lucro Alpha-Galileo, que se nutre das novas que recibe dos organismos científicos europeos.
