O Tetris, de novo a debate polo suposto carácter hacker do seu creador

venres, 7 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Falar dos videoxogos cos que medramos é falar, para que imos dicir outra cousa, dunha boa parte da nosa mocidade. Un dos xogos que máis se nos meteu ós integrantes dunha xeración no máis fondo dos miolos foi sen dúbida o Tetris, e tanto que foi así, posto que non houbo apenas usuarios que non tivesen alucinacións (na clase, na cama, no autobús, en pesadas xuntanzas familiares) con pezas que caían e seguían a caer. O de Tetris ben puído ser un caso de xogo que traspasa os límites do equipo ou consola para meterse na vida do usuario, mesmo en actividades parvas como facer a maleta (coa roupa ordenada coma as pezas do Tetris). Algo de vontade hacker había na súa feitura, premeditada ou non. Precisamente, o creador do mítico xogo, o ruso Alexey Pajitnov, volve estes días a ser motivo de noticia a raíz dun documental no que recoñece que sempre se considerou un hacker, aínda que por motivos distintos ós devanditos.
Para el, ser un pouco hacker era practicamente o único que podías ser deseñando xogos dende a Unión Soviética, sen posibilidade de obter cartos algúns polo seu produto, xa que o produto en cuestión lle pertencía ó goberno (os cartos viñeron despois, rematado o réxime comunista). O caso é que o documental transmitido pola canle Odisea, reflectido e comentado por Ricardo Galli, está a xerar debate en Menéame, e, por unha banda, xa hai quen sitúa o mítico xogo como un dos pioneiros exemplos de material informático libre. Pola outra, algúns dos participantes optan por cualificar ó xogo de produto libre ó seu pesar, sobre todo tendo en conta o negocio que veu logo da caída do muro.
Un dos puntos máis candentes é a natureza do termo “hacker”, que os tradutores do documental traduciron por “pirata informático”. A xuízo da comunidade internauta, este interese por trabucar a mantenta termos e significados (en realidade, non ten case nada que ver o termo “hacker” co de “pirata informático”, só que designan a persoas que andan pola Rede) mesmo en obras de calidade como o dito documental responde ó mesmo espírito sensacionalista que leva a determinadas canles de televisión a vandalizar a Wikipedia ou a de sinalar á Rede como un gran paraíso de liberdade de acción para os pederastas.
Na Wikipedia xa está subida dende hai tempo a interesante historia do Tetris.
Na imaxe, a versión do xogo para Nintendo.

PUBLICIDADE