O Vaticano únese ás redes sociais e crea unha web ligada a Facebook

martes, 19 de maio do 2009 Raquel Noya

De todos é sabido que as redes sociais, tales como Facebook, Hi5, MySpace, Tuenti… que tan de moda se puxeron nos últimos anos, son agora mesmo as ferramentas con máis usuarios da Rede (incluso máis que as páxinas de pornografía, que xa é dicir) e tamén as aplicacións onde os internautas pasan máis tempo socializándose virtualmente con outros usuarios.
En concreto, Facebook, a considerada polos expertos como a rede social máis importante do mundo (con máis de 140 millóns de contas activas) destaca pola súa capacidade case ilimitada de desenvolvemento de aplicacións para os seus usuarios e isto foi se cadra o motivo que levou ao Vaticano a decantarse por esta ferramenta para conectar cos seus devotos en lugar doutras semellantes que existen no cibermundo.
Esta entidade relixiosa, que dende o pasado xaneiro xa contaba coa súa propia canle en YouTube, vén de anunciar agora a creación do portal www.pope2you.net, un sitio web que conecta directamente con Facebook a través do cal os seus usuarios poderán intercambiar postais virtuais do Papa, discursos e todo tipo de mensaxes do pontífice.
A aplicación foi creada con motivo da 43 Xornada Mundial das Comunicacións Sociais, e comezará a funcionar a partir do vindeiro xoves 21 de maio, catro días antes do devandito encontro tecnolóxico, que este ano ten como lema: Novas Tecnoloxías, novas relacións, promover unha cultura de respecto, diálogo e amizade.
Segundo vén de informar a axencia dos bispos católicos de EE.UU, Catholic News Service, o sito permitiralle aos seus usuarios “enviar e recibir postais virtuais do Papa Vieito XVI, así como facerlle chegar os seus discursos e mensaxes aos usuarios máis achegados a eles”.
Esta decisión de acceder tamén a Facebook débese, segundo afirmou o arzobispo Celli, “ao desexo do Vaticano e do Papa de atopar aos homes onde queira que estean”