O Wii Fit tamén vende moi ben en Europa

martes, 29 de abril do 2008 Marcus Fernández

O Wii Fit xa está á venda en España

O pasado venres chegou ás tendas españolas o Wii Fit, o xogo para a consola de Nintendo que se vende cunha táboa de equilibrio o que incrementa o nivel de interacción nos xogos e anima aos usuarios a facer exercicio fronte ao televisor. Xa coñeciamos o éxito deste produto no Xapón (onde vendeu máis de 1,4 millóns de unidades nos últimos 5 meses), pero parece que en Europa non vai ser menos, e varias tendas británicas xa indican que non poden atender a demanda do xogo, e o pasado venres unha cadea de tendas estaba a despachar unha copia de Wii Fit cada 4 segundos, esgotándose en varios establecementos (como tamén lle pasou ao Amazon británico, que quedou sen unidades en 24 horas).
Agora dende Nintendo están a traballar na posibilidade de que se poida competir con outros usuarios de Wii Fit a través da Internet, e o propio Shigeru Miyamoto tamén quixo lembrar nunha entrevista publicada en The Sunday Times que «estar moito tempo xogando a calquera videoxogo non é bo» e engade que «sempre digo aos meus fillos que saian nos días soleados, e eu mesmo fun correr a Central Park onte. Pero fixen os meus estiramentos en Wii Fit. Pódense combinar a dúas cousas».

PUBLICIDADE