O acceso á cultura na era dos móbiles, polo miúdo hoxe na sede do CCG

xoves, 9 de novembro do 2017 Redacción

Hoxe ás 9.30 horas inaugúrase en Santiago, na sede do Consello da Cultura Galega, unha xornada dirixida a avaliar polo miúdo as transformacións que están a imprimir as TIC nos nosos hábitos diarios de comunicación e acceso á cultura. A apertura de actividades virá da man do presidente do CCG, Ramón Villares, e do coordinador da xornada, Xosé López. O evento Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos será unha oportunidade para ver até onde chegamos en materia de comunicación móbil e albiscar o que nos reserva o futuro neste ámbito. Segundo avanza o CCG, todo indica a que este modelo comunicativo e cultural (tendo en conta o espectacular medre no tráfico de mensaxes nos dispositivos móbiles) “veu para quedar”. A xornada conta na comisión organizadora con Manuel Gago, Xosé López García e Alba Silva.
O CCG tamén lembra que os datos recentes achegan evidencias claras sobre a importancia destes dispositivos no ámbito da comunicación e da cultura: no ano 2016, o tráfico de Google alcanzou a marca do 50 por cento para dispositivos móbiles por primeira vez, fronte a un 42 por cento nos dispositivos de escritorio. E no ano 2017 esta cifra medrou ata o 60 por cento, mentres o de Facebook pasou do 78 por cento ao 87 por cento.
Neste contexto, o obxectivo desta xornada é “analizar como a sociedade móbil está a mudar usos e consumos de produtos culturais”. Trátase, engade o CCG, “de dispoñer de visións do novo marco, nas vésperas da cuarta revolución industrial, e da situación da cultura galega nese escenario en construción”.

Programa da xornada

9:15 horas - Inauguración
9:30 horas - Contornas de información ubicua. Catálogo de desafíos pendentes - Juan Miguel Aguado. Universidad de Murcia. Director xeral de RTRM
10:30 horas - Produción e consumo de información en móbiles. Unha visión do panorama europeo - Oscar Westlund. Götegorgs Universitet
11:30 horas - Descanso
12:00 horas - Periodismo móbil e cultura móbil - Koldobika Meso Ayerdi. Euskal Herriko Unibertsitateak
13:00 horas - O móbil como oportunidade para producir contidos e intervir
João Canavilhas. Universidade da Beira Interior
16:30 horas - A comunicación política na sociedade móbil: oportunidades e retos nunha contorna híbrida - Andreu Casero-Ripollés. Universitat Jaume I
17:30 horas - Oportunidades da comunicación móbil para os actores culturais: o prosumo como actividade creativa - Eva Campos. Universidade de Valladolid
18:30 horas - A conquista de novos territorios comunicativos para a cultura galega - Manuel Gago. Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela
19:30 horas - Clausura - Trazos e identidades dunha cultural con identidade e migrante - Ramón Villares. Presidente do Consello da Cultura Galega

PUBLICIDADE