O activismo e a política na Rede centran os primeiros contidos do Carballo Interplay 2024

mércores, 6 de marzo do 2024 S. P.

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay comeza a desvelar a súa programación para a undécima edición, que será os entre o 4 e 7 de abril, organizada novamente por Interplay Producións e o Concello de Carballo. Un ano máis o festival analizará as novas tendencias no eido dixital, esta vez nunha nova localización na vila bergantiñá, o Mercado Municipal.
O Carballo Interplay segue a liña de actuar como altofalante das novas tendencias e formatos na rede dando voz aos protagonistas. Na xornada do sábado 6 de abril celebraranse tres mesas redondas para falar da nova Internet co activismo e a política como temas centrais sobre os que falarán algunhas das voces máis recoñecidas do panorama estatal dixital.
Na xornada da mañá analizaranse as últimas tendencias na Rede, nun panel no que analistas e curadoras expertas en tendencias responderán a unha cuestión que titula a conversa: E se imprimimos Internet?. Participarán: Marina G Canedo, creadora de contido político e do podcast Gente2020, co dirixe o estudo creativo meme-centered con Álvaro L Pajares, centrado na investigación dos novos formatos. Pajares, profesor, escritor e creador de contido de contas como Policía del Afecto tamén participará na charla. Completan o panel Rafa López, creador da conta afirmacion.es e un referente no mundo do meme en España e Ainhoa Marzol, comunicadora e curadora das tendencias na rede na súa boletín Gárgola Digital.
O segundo panel, que leva por nome O dixital é político, centrarase en como as xeracións X e Z constrúen lazos e traballan alternativas dende o eido dixital. Voces activistas, feministas, decoloniales e antifascistas de Galicia e outros puntos de España que buscan demostrar que a xente nova quere traballar para facer deste un mundo mellor aportando a súa visión fronte as políticas que se levan a cabo ou analizando a actualidade e como lle afecta á sociedade. Participarán Iván Iglesias, fundador do medio ourensano OU Ké!; Román Varela, un dos fundadores do podcast galego Carretando; Alan Barroso, experto en comunicación política e creador de contido en redes; Sergio Gregori, xornalista, analista político, secretario xeral do Sindicato de Periodistas de Madrid e director de Furor TV; Ayme, divulgadora de política, feminismos e política social e Marina Lobo, guionista, presentadora e cómica, forma parte do equipo de Spanish Revolution.
Nesta xornada tamén haberá oco para coñecer o traballo de colectivos organizados como Pantube, un movemento de creadores e creadoras de contidos dixitais de esquerdas onde se poden atopar referentes do videoensaio coma Contrapoints, Lindsay Ellis e Abigail Thorn. Participarán neste panel, que leva o nome de Pantube: tell me more: Proyecto Una, un colectivo que nace na Rede para “desenmascarar as novas formas de fascismo”, Alba Lafarga, xestora cultural e divulgadora en Youtube, e Oriol Erausquin (Infusión Ideológica), creador de contido en redes e do podcast Tajos Verdes.
A organización continuará desvelando os contidos desta edición, que se celebra entre o 4 e o 7 de abril, nas próximas semanas.
Premio á Produción de Contido Dixital en Galego
O 8 de marzo remata o prazo para presentarse ao premio á Produción de Contido Dixital en Galego que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en Internet. Os proxectos presentados a este premio deben estar referidos á creación de contidos audiovisuais para Internet en lingua galega e deben ser creacións propias, orixinais e inéditas. Poden ser de calquera formato sempre e cando sexan pensados para seren difundidos en plataformas da Internet mediante varias entregas, capítulos ou partes. Os interesados poden presentarse no formulario da páxina web do festival.

PUBLICIDADE