O lanzamento mundial do xogo dos Beatles será o 9 de setembro

xoves, 5 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Ante o éxito do Guitar Hero: Aerosmith e a expectación creada polo futuro Guitar Hero: Metallica, estaba claro que dende Harmonix tiñan que reaccionar cun Rock Band que tirase dalgunha banda de peso para facer fronte, e a súa aposta vai ser rotunda, pois optaron polo grupo máis coñecido de Liverpool, e finalmente o 9 de setembro veremos cómo se produce o lanzamento mundial de The Beattles: Rock Band, xogo que estará dispoñible para Xbox 360, PlayStation 3 e Wii.
Este título está a espertar moito interese, pois a música dos Beatles non parece a máis atinada para un xogo no que destacan cancións cañeiras, polo que a súa experiencia de xogo podería agochar moitas sorpresas mentres permite facer un percorrido pola historia da formación de John Lennon, Paul McCartney, George Harrison e Ringo Starr.
Polo momento só se coñece o prezo do xogo nos EE.UU. (59,99 dólares) pero tamén sorprendeu o feito de que se poidan marcar unhas guitarras cun deseño especial (99,99 dólares) e incluso unha edición limitada do xogo que incluiría instrumentos (249,99 dólares). O deseño destes instrumentos (presumiblemente guitarra, micrófono e batería) é todo un misterio, o que axuda a incrementar o hype deste título do que xa se falaba antes de que pechasen o acordo de colaboración entre Apple Corps, Harmonix e MTV Games para facelo realidade.

PUBLICIDADE